Un incendio declarado en San Xurxo de Sacos calcina máis de 50 hectáreas
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Consellería do Medio Rural informou dun incendio forestal no concello de Cerdedo-Cotobade.
Comezou pasadas as 23,56 horas da pasada noite na parroquia de San Xurxo de Sacos, e foi extinguido ás 19,35 horas deste xoves. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada foi de 52,3 hectáreas, das cales 49 foron arboradas e 3,5 de monte raso.
No seu control están participando 6 axentes, 8 brigadas, 5 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.
"TERRORISMO INCENDIARIO"
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, amosou a súa máis enérxica condea contra o "terrorismo incendiario" que volveu cebarse co monte entre Viascón e Cuspedriños (San Xurxo de Sacos) e que pudo ser controlado a escasos 300 metros de zonas habitadas nesta última localidade.
Cubela amosouse indignado polo feito de que todo parece indicar que o lume foi provocado e "formaría parte dunha nova actuación do terrorismo incendiario que ten fixación co noso municipio e que non so pon en perigo vidas e vivendas senón que arruinan por completo o noso patrimonio natural que tentamos recuperar con iniciativas medioambientais e de reforestación".
O alcalde, que se personou desde primeira hora da madrugada no lugar do incendio e estivo en contacto permanente co centro de mando que coordinaba os labores de extinción, agradeceu o esforzo do persoal que durante toda a noite estivo traballando nos labores de extinción, tanto os brigadistas da Xunta como membros da Garda Civil e, especialmente, aos voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade.
Finalmente, Cubela solicitou a colaboración cidadá para localizar aos presuntos autores do incendio e lembrou que existe un teléfono (900 815 085) para que se poida denunciar calquera conducta sospeitosa que poida dar ao traste coas intencións incendiarias dos individuos que están detrás destas "accións deleznables e condenables".
Curiosamente a mesma hora do incendio de Cerdedo-Cotobade tamén se declaraba un incendio en Folgoso do Courel (Lugo). cunha superficie afectada de 200 hectáreas
Esta noite tamén houbo incendios no concello pontevedrés de Rodeiro, en Monforte de Lemos (Lugo), na parroquia de Marcelle e en Calvos de Randín (Ourense).