Galicia permitirá tomar o sol na praia sen máscara
Por Oskar Viéitez
A ministra de Sanidade, Carolina Darias, anunciou este mércores a creación dunha "mesa técnica" coas comunidades autónomas para revisar a chamada "lei de nova normalidade" e aprobar uns "criterios de aplicación homoxéneos, harmonizados e actualizados".
A rectificación chega tras ser publicada este martes no Boletín Oficial do Estado (BOE) a nova norma da desescalada na que se obriga a levar a máscara en calquera espazo público, independentemente de se se garda ou non a distancia de seguridade.
Mentres tanto, en Galicia permítese quitarse a máscara ao tombarse na praia e nos traxectos de ida ou volta á auga para bañarse. Mantense a normativa autonómica mentres non se aclara a estatal.
Baleares, Canarias, Valencia e Andalucía tampouco farán cumprir a norma que obriga o uso de máscaras en todos os espazos exteriores, mesmo cando se mantén a distancia preceptiva de 1,5 metros e tamén para as persoas que toman o sol sobre a toalla ou con conviventes.
Aos argumentos da comunidade científica contra esta normativa sumouse a Organización de Consumidores OCU que cualificou de "contraproducente" reforzar a obrigatoriedade en situacións onde "non resulta necesario" porque "o cansazo psicolóxico pode derivar en que deixen de respectarse as medidas prioritarias".
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, considera que se trata dunha normativa "extemporánea" que elimina algúns supostos que si estaban permitidos na nosa comunidade.
Relacionadas:
-
RADIO.- Fora máscaras en espazos exteriores, ansias ou prudencia?
Por Marisa Ciordia |
-
Pontevedra marca máximo de temperatura en Galicia con 32,1 graos antes da chegada das choivas
Por Manu Otero |
-
A máscara será obrigatoria ao aire libre, sexa cal sexa a distancia, incluído en praias e piscinas
Por Alejandro Espiño |
-
Traxe de baño, toalla, crema solar, máscara e distanciamento no inicio da Semana Santa en Silgar
Por Cristina Saiz & Redacción |