Marín denuncia o 'okupa' que realizou un empalme ilegal estragando a instalación eléctrica pública
Por Oskar Viéitez
O Concello de Marín vén de formular unha denuncia formal contra o 'okupa' de Concepción Arenal que realizou un empalme ilegal á instalación eléctrica municipal, causando un cortocircuíto que deixou sen servizo a parte da zona.
O 15 de marzo de 2021 a brigada municipal de Electricidade realizou os traballos precisos para localizar a avaría que orixinaba a interrupción no subministro eléctrico do alumeado público e comprobaron a existencia dunha conexión irregular á rede municipal que se estaba a realizar desde o balcón dun primeiro piso nun edificio de Concepción Arenal.
Esta conexión causou danos en 11 luminarias que dan servizo ás rúas da contorna e a un proxector de iluminación na intersección das rúas Concepción Arenal e Carballiño. Como se pode ler na denuncia, non se puido completar o arranxo da instalación ata o luns 22 de marzo, quedando as rúas afectadas durante todo ese tempo.
O 25 de marzo o denunciado volveu realizar esa conexión irregular, quedando, de novo, sen alumeado parte de Concepción Arenal e as rúas Vidal Pazos e Tombo. Esta situación, ademais de supor un perigo para o denunciado que realiza a instalación e para a propia rede municipal, tamén xera unha situación perigosa á veciñanza que se ve afectada polas avarías.
Por esta circunstancia, desde o Concello formalizaron esta denuncia para evitar que de novo esta persoa proceda a reconectar de xeito ilegal un empalme á instalación municipal.