Denuncian unha madrileña e un canario en Marín por saltarse o peche perimetral
Por Redacción
Un veciño das Palmas e unha veciña de Madrid foron denunciados este 30 de marzo pola Policía Local de Marín ao comprobar que estas persoas carecían de autorización para saltarse o límite perimetral autonómico. Ambos foron detectados nun dos controis especiais que os axentes municipais instalaron durante este martes para regular a entrada de persoas doutras comunidades.
Durante esta xornada controláronse máis de 300 vehículos en distintos puntos do municipio e a Policía Nacional da comisaría da vila tamén colaborou nalgún dos dispositivos.
Tamén foron denunciados outros dous condutores, un por dar positivo na proba de drogas e outro por conducir cunha taxa de alcol superior á permitida infrinxindo o Regulamento de Circulación.
Segundo fontes da Policía Local de Marín, denunciáronse moi poucas infraccións para pesar do forte dispositivo policial para controlar a mobilidade. Sinalan que a gran maioría das persoas controladas residían en Galicia pero atopábanse de visita na comarca de Pontevedra e O Morrazo.
Os controis estendéronse ata as 23.00 horas e todos os condutores regulados nos controis a partir das 22.00 horas, cando entra o toque de queda, volvían aos seus fogares tras finalizar a súa xornada laboral.
Relacionadas:
-
Marín lanza dúas webs para dar a coñecer o seu patrimonio etnográfico
Por Redacción |
-
A Policía Local de Sanxenxo incorpora drons para controlar as restricións derivadas da covid-19
Por Redacción |
-
Combarro e Raxó, puntos claves da vixilancia da Policía Local de Poio para evitar incumprimentos do límite perimetral
Por Redacción |