KFC abrirá en xuño o seu primeiro restaurante en Pontevedra
A mediados de xuño. É a data prevista para a apertura do primeiro restaurante que a multinacional KFC abrirá na cidade de Pontevedra.
Así o confirmou Jesús Ron de las Heras, responsable das franquías galegas de KFC a través da compañía Gallaecia de Hostalería e Inversiones 1991.
O local estará situado no número 89 da Avenida de Lugo, xusto á beira do restaurante doutra firma de comida rápida, McDonalds. Ocupará a parcela na que estaba situado o Lavado Mourente, que xa foi demolido.
Os promotores deste proxecto confían en que as obras de construción do establecemento, unha vez que a parcela xa está cimentada, comecen a próxima semana.
O restaurante de KFC en Pontevedra será un "KFC Auto", o segundo que haberá en Galicia tras o que existe en Narón. É dicir, os clientes poderán acudir co coche e recoller os seus pedidos sen baixar do vehículo nin ter que acceder ao interior do establecemento.
Este servizo "causou sensación pola pandemia", explica Jesús Ron, porque "a sensación de seguridade ao non ter que entrar no restaurante é moito maior".
Por ese motivo, tras estudar a cidade, optaron por instalar o seu restaurante na Avenida de Lugo, onde coincidirá con outras marcas como McDonalds ou Burger King, algo que segundo recoñece o empresario "tamén se adoita buscar".
O investimento económico neste proxecto supera os 700.000 euros e o restaurante será "similar" aos que xa existen en Galicia pero terá un deseño "máis actual", engade o seu responsable, adaptando a súa imaxe ás novas tendencias.
O restaurante de KFC contará, en principio, cun plantel que roldará as trinta persoas "que é o que se adoita contratar para este tipo de negocios" e cuxa selección comezará a próxima semana a través do portal Infojobs.
A súa aterraxe en Pontevedra forma parte da estratexia da marca para estar presente nas sete grandes cidades galegas "e analizar as oportunidades que xurdan". Iso si, resísteselles Ourense. "Levamos tres anos buscando o mellor sitio", recoñece o responsable das franquías.