Confían na apertura "inminente" do paseo a Marín ao faltar só "pequenos flecos"
O goberno municipal confía en que a apertura do paseo peonil e ciclista a Marín sexa "inminente". As obras de construción, a falta de pequenos retoques, xa están terminadas.
Quedan por liquidar unha serie de cuestións administrativas para poder recibir o paseo, pero non deberían atrasar moito a inauguración desta infraestrutura, pensada para potenciar os desprazamentos a pé entre Marín e Pontevedra.
As obras, impulsadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, supuxeron un investimento superior aos dous millóns de euros para un tramo de paseo duns dous quilómetros.
O primeiro tramo está formado por unha senda peonil con carril bici de 1,2 quilómetros e o segundo inclúe unha pasarela metálica de 800 metros de lonxitude que pivota sobre o mar.
Esta actuación permitirá conectar os tramos de paseo xa existentes, por unha banda, a pasarela peonil que parte de Praceres cara Pontevedra -usada actualmente polas mariscadoras- e por outro o paseo que parte de Pontevedra cara Marín pola PO-12
Debido á futura apertura do paseo, o Concello anunciou que realizará unha "posta a punto" de todo o paseo de Beiramar a partir do mes de abril, comezado polo tramo que une a rotonda de Malvar coa ponte das Correntes.