Cerdedo-Cotobade desinfecta e reabre os parques infantís e biosaudables
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade puxo en marcha un amplo operativo de limpeza e desinfección previo á reapertura xeneralizada de todos os parques infantís e biosaudables do municipio, para que poidan ser gozados pola poboación nestes días con total normalidade e seguridade.
Entre as medidas adoptadas polo goberno local figuran a colocación de carteis explicativos sobre as normas sanitarias de uso destes espazos de lecer municipais así como a instalación de dispensadores de xel hidroalcólico para que os usuarios poidan en todo momento desinfectar as súas mans previamente á utilización dos aparellos así como unha vez finalizado o seu uso.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, indicou que esta medida tomouse en virtude da nova situación epidemiolóxica e ante a necesidade de ofrecer aos nenos e nenas do municipio nestes días de asueto en Semana Santa a oportunidade de poder volver utilizar os parques infantís con total seguridade.
"Pensamos que seguindo as pautas de normal comportamento os máis cativos poderán disfrutar dunhas instalacións que foron creadas para eles e que por mor da pandemia permanecían fóra do seu alcance pese a que os miraban diariamente", indicou o rexedor.
Ademais, destacou que "colocamos carteis explicativos de como se debe proceder e tamén instalamos dispensadores de xel hidroalcólico para que poida ser utilizado en todo momento e como medida profiláctica previa ao acceso aos columpios e unha vez rematado o uso dos aparatos de xogo”, indicou o rexedor.