Poio impulsa unha mesa de traballo para consensuar o PXOM
Por Redacción
O concelleiro de Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, confirmou que o vindeiro mes de abril convocarase a primeira sesión da nova mesa de traballo do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Trátase dun órgano no que estarán integrados todos os grupos da corporación local, ademais de técnicos municipais e o equipo redactor do documento.
Agís realizou este anuncio durante o pleno ordinario deste martes, aproveitando a súa intervención durante o debate dunha moción presentada polo PP sobre a situación do plan.
O concelleiro do PSOE aposta polo "diálogo e o espírito construtivo" á hora de continuar avanzando neste proceso.
O titular de Urbanismo entende que este é o momento axeitado para dar vida a esta mesa de traballo, unha vez rematado a etapa de análise previa e despois do "gran labor" que veñen desempeñando os técnicos e o equipo de redacción desde hai xa meses, a través da recollida de datos e da análise da realidade, planimetría e definición de núcleos; estudos que "son imprescindibles para coñecer e dar resposta ás problemáticas urbanísticas".
Ademais, Gregorio Agís lembra que foi preciso adaptar o documento ás diferentes normativas que foron xurdindo nos últimos anos (como a Lei de Costas, o Plan de Ordenación do Litoral ou Protección da Paisaxe), algo que, sumado ao contexto derivado da pandemia da covid-19, cun confinamento engadido, ralentizou o proceso.
"Unha vez salvados estes escollos, proximamente tramitaremos a avaliación ambiental ante a Xunta, para que nos definan as directrices nas que debemos avanzar", engade Agís, que entende que "agora é o momento" para que toda a corporación "nos impliquemos para dar vida a un documento co que nos sintamos cómodos".
Adiantou que esta aposta por "unha liña transparente e transversal" tamén se estenderá de cara á cidadanía coa creación de "ferramentas e instrumentos que facilite a participación e as achegas por parte da veciñanza".
Formularios, charlas, reunións veciñais ou canles de comunicación telemáticas son algunhas das opcións polas que se quere apostar para fomentar a implicación activa dos habitantes de Poio.
Con respecto aos custes na elaboración do PXOM, Gregorio Agís lembrou que a súa redacción foi adxudicada en 2017 por un total de 475.600 euros, dos cales o Concello asumiu algo máis de 355.000 (a contía restante sufrágase a través de fondos achegados pola Xunta de Galicia).
"O PXOM non está esquecido nun caixón nin está a xerar ningún custe a maiores aos veciños", concluíu Agís, que ten claro que este novo documento "axudará a mellorar e simplificar xestións como a obtención de licenzas", de xeito que os veciños "gozarán dunha maior flexibilidade á hora de actuar nas súas propiedades e, ademais, tamén gañaremos en axilidade".
Relacionadas:
-
Poio confía en remitir en breve á Xunta o informe de avaliación ambiental do PXOM
Por Redacción |
-
Primeiros pasos para un PXOM "de consenso" en Poio
Por Redacción |
-
Poio constituirá o vindeiro 11 de maio a mesa de traballo do PXOM
Por Redacción |
-
Rocío Cochón, do PP de Poio, demanda ao goberno local que saque adiante un novo PXOM
Por Redacción |