Preto dun cento de persoas estrean a nova piscina municipal cuberta de Bueu
Por Redacción
Bueu cumpriu este luns un dos seus soños. Abriu as súas portas a piscina municipal cuberta das Lagoas. Preto dun cento de persoas puideron gozar xa do seu primeiro baño nestas instalacións, que por agora terá un horario reducido para darse a coñecer entre a cidadanía.
A piscina foi inaugurada este luns polo alcalde de Bueu, Félix Juncal, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, entre outras autoridades.
En diferentes grupos dun máximo de dezaoito persoas e con todos os protocolos pola covid-19, veciños e veciñas de franxas de idade diversas achegáronse xa dende as dez da mañá para estrear este centro deportivo e saudable.
A piscina funcionará nun horario provisional, á agarda de que se leven a cabo todos os trámites necesarios dende o Concello para proceder a realizar un contrato de xestión de servizos destas instalacións de cara aos próximos anos.
Segundo os datos achegados pola empresa, nestes primeiros meses poderán gozar da piscina preto de 500 persoas, que utilizarán o vaso e os vestiarios, xa que as salas polivalentes aínda non están dispoñibles posto que é necesario adquirir maquinaria e diverso equipamento.
Polo de agora, o seu uso será gratuíto. O Concello contará cos servizos dunha empresa a través dun contrato menor de 38,5 horas semanais: de luns a venres, de 10.00 a 13.00, e de 17.00 a 21.00 horas, e os sábados de 10.00 a 13.30 horas.
O rexedor confesou sentirse "moi emocionado e orgulloso" porque a piscina de Bueu sexa unha realidade, tras un investimento de 2,8 millóns de euros, achegados pola Deputación case na súa totalidade.
"Foi emocionante ver as caras de satisfacción nas persoas en torno a este fermosísimo proxecto que suporá un antes e un despois, pois na política temos que crer que é posible transformar os soños en realidade", apuntou Juncal.
Nesta mesma liña, Carmela Silva destacou que esta piscina "está pensada con cabezas do século XXI" e defendeu que, ademais de ser operativa, "é unha obra de arte desde o punto de vista arquitectónico e ten unha estrutura fermosa e moderna".
"Ten os instrumentais máis modernos que permiten dicir que é seguramente desde o punto de vista medioambiental a piscina máis potente da provincia e tamén da maioría dos concellos de Galicia", engadiu a presidenta provincial na súa intervención.