Barro destinará 400.000 euros do superávit á mellora de espazos públicos e a paliar os efectos da crise
Por Redacción
O Concello de Barro aprobará no próximo pleno unha modificación de crédito de 400.000 euros procedentes do superávit que destinará a diversos proxectos co obxectivo de mellorar espazos públicos, a seguridade viaria, servizos e instalacións municipais e axudar aos sectores máis golpeados pola crise da covid-19.
Un dos investimentos máis destacados é o do proxecto de melloras no parque natural de Barosa, valorado en 106.000 euros e a adecuación do Pazo da Crega por 56.000 euros. Tamén está prevista a mellora da infraestrutura dos viais e da seguridade viaria en diversos puntos do municipio por 188.240 euros.
A elaboración do proxecto para a construción dunha depuradora en Lourido, que servirá para dar servizo á maior parte das vivendas do municipio, supoñerá o desembolso doutros 54.000 euros.
Para paliar os efectos da crise, o goberno local comprometeuse a dedicar o 1 % do seu orzamento, polo que manexan un orzamento de 25.000 euros, así como 10.000 euros adicionais procedentes da Deputación, para axudar aos sectores máis afectados do municipio.
Con fondos do superávit executaranse tamén as instalacións de marcadores electrónicos no pavillón municipal de San Antoniño e no campo de fútbol de Ou Outeiro, así como a adquisición de materais deportivos para ambas as infraestruturas por valor de 10.000 euros. Mesma cantidade que se gastará na compra de contedores e outros 17.500 euros para un sistema de gravación das sesións plenarias e para a remodelación da páxina web do Concello.