Un parque de calistenia, un paso máis na humanización do campus
Por Redacción
Unha área para realizar diferentes exercicios a partires do traballo co propio peso corporal. Así é o parque de calistenia que acaba de estrear a Universidade de Vigo no campus da Xunqueira. Está situado na parte traseira da Facultade de Fisioterapia.
Este equipamento forma parte do propósito das autoridades universitarias para humanizar o campus e que os seus espazos exteriores teñan un uso máis aló do educativo.
O parque conta cunha serie módulos colocados de forma secuencial para que os usuarios poidan traballar os grupos musculares do tren superior, do tren inferior e do tronco.
Dentro do programa do Green Campus, que aposta utilizar materiais sustentables, a universidade optou por un equipamento realizado en madeira para esta instalación, que se completará nas próximas semanas coa colocación da súa iluminación.
O vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, destaca que este parque súmase a outras actuacións recentes como a renovación do mobiliario exterior ou a instalación dun embarcadoiro na contorna da Illas das Esculturas.
Neste obxectivo de promover que tanto a comunidade universitaria como o conxunto da cidadanía faga un maior uso dos espazos exteriores do campus, a Universidade de Vigo inclúe tamén a instalación dunha marquesiña para fomentar o uso do transporte público.
A renovación do circuíto de cámaras de videovixilancia ou os cambios previstos en materia de iluminación exterior, que permitirán sincronizar as luces perimetrais ou colocar LED nos farois do campus completan as actuacións a curto prazo en materia de humanización.
Relacionadas:
-
Antes de final de ano estará rematado o parque de calistenia da Illa das Esculturas
Por Redacción |
-
A Uvigo compite nun reto global por lograr unha mobilidade sostible
Por Redacción |
-
O campus estrea unha estación de reparación de bicicletas
Por Redacción |
-
Dúas centrais de biomasa quentarán as facultades e institutos da Xunqueira
Por Redacción |
-
Concello e Universidade activan a construción do skatepark na parcela do campus
Por Redacción |
-
Cinco novas caixas niño para aves no Green Campus de Pontevedra
Por Isabel Feijóo Gallardo |