Circuítos de turismo saudable, proposta dos alcaldes de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Os alcaldes de Campo Lameiro e de Cerdedo-Cotobade, Carlos Costa e Jorge Cubela, queren crear un roteiro de sendeirismo coa idea de unir estes dous municipios aproveitando as paraxes do río Lérez a partir dun carreiro que enlace o regacho Maneses e o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre (PAAR) cos Baños do San Xusto a través da Ponte Nova de Fentáns.
A intención é crear un trazado biosaudable e accesible. Actualmente no concello de Campo Lameiro existe un roteiro que parte do regacho Maneses, un afluente do río Lérez, ofrecendo unha senda circular pasando polo Muíño de Chan de Coiñal e polas proximidades do PAAR. Os dous alcaldes estudan agora ampliar a oferta cun percorrido desde Lodeiro por Cutián pasando por Ponte Nova de Fentáns ata chegar á outra beira do Lérez aproveitando os Baños do San Xusto.
Por outra banda, o Concello de Cerdedo-Cotobade realiza un labor de limpeza, conservación e rehabilitación das pontes de Pedre, Fentáns e Parada de Cerdedo para recuperar o Roteiro dás Pontes sobre o Lérez e aproveitar un foco de atractivo turístico.
Está previsto eliminar vexetación invasiva e consolidar e recolocar pedras que se atopan movidas ou en perigo de esborralle para garantir a seguridade da construción.