A Policía Autonómica decomisa 75 quilos de ameixa nunha operación contra o furtivismo en Poio
Por Redacción
Axentes do Grupo de Investigación da Policía Autonómica de Pontevedra, en colaboración cos vixiantes da Confraría de San Telmo, comisaron 75 quilos de ameixa nun dispositivo contra a práctica do furtivismo en Poio no que foron identificadas dúas persoas.
O control levouse a cabo o pasado 16 de marzo ante a problemática que o furtivismo está ocasionando na zona, e deu como resultado a localización de dúas persoas, que resultaron ser reincidentes, ás que se comisaron os 75 quilos de ameixa e se lles abriron dilixencias por un presunto delito contra a protección da flora e da fauna relativo ao furtivismo. As dilixencias remitíronse ao Xulgado de Garda e á Fiscalía de Pontevedra para a súa tramitación.
Aos investigados tamén se lles levantaron actas de presunta infracción por incumprimento do decreto que regula as normas sanitarias para a prevención da Covid, xa que cando foron sorprendidos nin levaban a preceptiva máscara nin respectaban os horarios establecidos no toque de queda.
Os bivalvos foron pesados e cribados antes de ser devoltos ao mar, o que permitiu comprobar que máis da metade da ameixa comisada era de tamaño inferior á que se pode extraer de forma legal.