Marín creará un espazo de participación cidadá para supervisar os fondos europeos
Por Redacción
Coa estratexia urbana emprendida e coas obras xa iniciadas, o goberno municipal de Marín anunciou a creación dun grupo de acción urbana, un espazo de participación cidadá ao que están convocadas as asociacións culturais e veciñais da vila.
O obxectivo desta iniciativa é que os colectivos sociais se sintan integrados na transformación urbana que Marín está a impulsar a través dos proxectos financiados polos fondos europeos.
"Construíndo o Marín que queremos" é o lema baixo o que se desenvolverán estas sesións, que polo menos polo momento, debido á situación sanitaria, serán por vía telemática, a través da plataforma Zoom.
A primeira sesión convócase para o luns 12 de abril, ás 19.00 horas, e contará cunha introdución por parte da alcaldesa e da asistencia técnica que xestiona estes fondos.
Despois, representantes técnicos da obra de humanización da Avenida de Ourense, da remodelación do Paseo Alcalde Blanco e do proxecto do auditorio presentarán os detalles das actuacións para que os representantes das asociacións poidan coñecelos máis polo miúdo.
Ademais, o peche da sesión estará dedicada á preparación da vila para formar parte da Axenda Urbana 2030, establecendo un novo horizonte de actuacións para cumprir cos obxectivos de desenvolvemento sustentable da Unión Europea e, deste xeito, "seguir traballando por un Marín máis ecolóxico, máis urbano, máis respectuoso e máis integrado", destaca o Concello.
As asociacións veciñais e culturais convocadas recibirán no seu email de contacto un correo electrónico coa explicación, o programa da sesión do 12 de abril, un pequeno formulario de inscrición e o acceso á reunión virtual a través de Zoom.