A exposición da camelia do Colexio Campolongo queda por primeira vez sen público pola Covid
Por María José Pita
O Centro de Educación Primaria (CEP) Campolongo pechaba este xoves a súa tradicional exposición adicada á camelia e que conta coa participación tanto dos docentes como do alumnado do centro.
Esta 19 edición estivo marcada pola pandemia da Covid que obrigou a suspender as visitas á mostra de persoas alleas ao centro. Así mesmo, tamén houbo que cancelar as tradicionais saídas do alumnado na busca de exemplares de camelia, de xeito que moitas das flores que locen nos postos habilitados na entrada do edificio principal son recreacións das flores en diversos materiais.
"Este ano co tema da Covid estabamos moi limitados, démoslle moitísimas voltas pero quixemos manter a tradición porque os profesores din que é un recurso moi motivante para os nenos, para facer todos estes traballos que estades mirando e por iso animámonos", explica o director do CEP Campolongo, José Manuel Sánchez Moure.
"Isto é froito dun traballo intenso de mes e medio cos nenos, motivando tanto nas clases de plástica como en lingua galega, lingua castelá e incluso este ano os profesores de inglés introduciron algún poema", apunta o director do centro.
Nesta xornada final, achegábanse a coñecer o traballo da comunidade educativa e do alumnado do CEP Campolongo o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e o concelleiro de Educación e tenente de alcalde, Tino Fernández, que puideron coñecer as obras feitas polo alumnado do centro dos cursos de 1º, 2º, 5º e 6º de educación primaria.
O alcalde manifestaba a súa admiración polo traballo desenvolvido no centro e polo feito de que, malia a pandemia, seguisen apostando por esta actividade formativa. "Quero felicitar ao Colexio de Campolongo porque eu creo que usar a camelia como recurso didáctico é algo moi positivo e que axuda a coñecer unha flor que é a das Rías Baixas, a do Camiño Portugués, que ademais florece en inverno e nos enche os xardíns, as prazas e as rúas de colorido", manifestaba o alcalde.
"A pesar das limitacións, hai que recoñecer que se fixo un traballo moi bo e estamos aquí para agradecer a todos os alumnos, os pais e profesores que colaboran para que cada ano esta exposición forme parte xa do percorrido natural de Pontevedra", engadía o concelleiro de Educación.
A exposición do CEP Campolongo contou coa colaboración da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que achegou varios produtos obtidos da camelia que se están desenvolvendo neste centro de investigación como os tés ou os aceites, xunto a varias flores naturais e exemplares peculiares, como un bonsai de camelia en cachón de máis de 30 anos que suscitou a curiosidade do alcalde.