Un turismo domiciliado en Angoulême, entre os 47 vehículos expedientados para a súa retirada das rúas da cidade
Por Redacción
Un Renault Laguna forma parte da paisaxe urbana da rúa Simón Bolívar desde hai tempo. O seu propietario é un cidadán de orixe francesa con domicilio na Rue Fontchaudière da localidade gala de Angoulême. O Concello de Pontevedra tentou contactar co dono do turismo sen resultado. Así que, finalmente, o anuncio do requirimento remitíase ao Consulado de Francia en Vigo para que se publique no taboleiro de edictos do Consulado ou na Sección Consular da Embaixada.
Este caso é a principal curiosidad os 47 requirimentos tramitados durante estes tres primeiros meses do ano, 25 nos últimos días, pola concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural co obxectivo posto en eliminar a imaxe de vehículos abandonados nas vías públicas do municipio.
Cos requirimentos notifícase aos titulares dos vehículos que, nun prazo improrrogable de 15 días, deben retirar o automóbil ou entregalo nun centro autorizado de tratamento ou nunha instalación de recepción.
Segundo explica o concelleiro responsable desta área Iván Pontes, se a persoa propietara non atende a ese requirimento, a administración municipal poderá adoptar medidas sancionadoras que poden oscilar entre os 603 e os 31.000 euros, para os casos de infracción grave. Ademais, procederase á retirada do coche polo guindastre e será tratado como un residuo sólido urbano e liquidándoselle ao propietario as taxas correspondentes polo transporte e o depósito do vehículo.
Pontes explica que en moitas ocasións o Concello vese obrigado a publicar estes requirimentos no Boletín Oficial do Estado ou acudir aos consulados. Segundo comenta o concelleiro existen casos en que estes vehículos foron utilizados para actividades ilegais como roubos ou, noutros casos, os propietarios queren desfacerse deixándoos abandonados en zonas afastadas das cidades de orixe dos titulares.
Cando se declara definitivamente que o vehículo é un residuo sólido urbano, a firma autorizada Automocións Catoira procede á retirada e tratamento para descontaminalo e destruílo coa tramitación da baixa definitiva na Dirección Xeral de Tráfico. Este procedemento é o habitual, pero tamén hai casos, 16 nas últimas semanas, en que os propietarios atenden aos requirimentos e retiran os turismos.
Relacionadas:
-
Inician os trámites para retirar outros dezaseis coches abandonados en Pontevedra
Por Redacción |
-
Retirar o seu coche do depósito do guindastre vaille custar case 30.000 euros
Por Alejandro Espiño |
-
Abertos 22 expedientes de coches abandonados en Pontevedra no que vai de ano
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
A retirada de vehículos abandonados nas rúas de Pontevedra esténdese ás bicicletas
Por Redacción |
-
O Concello retoma a súa cruzada contra os coches abandonados na vía pública
Por Redacción |