Un grupo de pais loita por un parque seguro: "no inverno iluminamos os nenos coa lanterna dos móbiles"
Por Mónica Patxot & María José Pita
Felipe achégase aos barrotes dunha estrutura con tobogán e móstranos as madeiras de protección soltas. A continuación, Mar sinala un farol afastado "ves que ten cinta illante? Pois púxena eu porque a caixa estaba aberta cos cables ao aire e era un perigo para os nenos".
Desta maneira tan gráfica, reciben a Pontevedra Viva na nosa visita ao parque infantil situado nos antigos terreos de Tafisa. Na distancia, chama a atención a maleza que rodea este espazo e que case o oculta da rúa José Malvar, que discorre en paralelo. Son algunhas das carencias que presenta esta zona de xogos, pero non as únicas.
Felipe Marcelo e Mar Garrido teñen en común que son veciños da Seca e comparten tardes de lecer neste parque, cada un coa súa filla, de 5 e 6 anos. Cóntannos que mentres as pequenas xogaban, eran habituais os comentarios sobre a falta de bambáns, tendo en conta que as nenas van crecendo e as estruturas de xogo actuais están orientadas aos máis cativos. Ata que un día, entre charla e charla, decidiron dar un paso adiante.
A solución pasaba por falar co Concello e informarlles da súa petición. Entón caeron na conta dunha experiencia anterior, cando en maio de 2020, recentemente saídos do confinamento, varios veciños telefonaron ao Consistorio para reclamar uns arranxos que se consideraban urxentes en varios elementos de xogo, xa que perigaba a integridade física dos centos de nenos usuarios deste espazo. Houbo que agardar 9 meses, ata febreiro deste ano para que os operarios municipais realizasen as reparacións solicitadas.
Con estes antecedentes, a principios deste mes de marzo decidiron facer un escrito no que quedase concretada a súa petición e acompañalo das sinaturas dos usuarios do parque. E o que empezou cunha randeeira, converteuse nunha longa lista de necesidades. "Empezou a vir xente, empezáronnos a asinar e claro, xa nos pedían máis cousas, farois, papeleiras, mesas...", lembra Felipe. Todas estas demandas fóronas plasmando nun novo escrito que, acompañado das 300 sinaturas que recompilaron, presentarán esta semana perante o Concello.
Nas súas peticións, hai demandas relacionadas co mantemento, como novas reparacións ou a limpeza da maleza que circunda o parque; coa dotación de novos elementos de xogo para diferentes idades, como unha tirolesa ou pistas para deportes de equipo; e a ampliación do espazo de lecer con mesas e a plantación de árbores que poidan dar sombra "porque no verán entre as 11 da mañá e as 9 da noite co sol non podes estar aquí".
Este problema dos meses estivais transfórmase no inverno na carencia de luz a partir das seis do serán, cando empeza a anoitecer. Mar rememora entre risos que "no inverno iluminamos os nenos coa lanterna dos móbiles" e cóntanos a anécdota da súa filla cambiando uns cromos e ela alumando co móbil, ou "mesmo para recoller os xoguetes antes de marcharnos" remata Felipe. E é que ao redor da zona de xogos non hai un só farol, os máis próximos atópanse afastados a varios metros de distancia, pero cunha luz tenue que non alcanza ao espazo infantil.
Son as seis da tarde cando abandonamos o parque e nese momento comprobamos o que nos avanzaban Mar e Felipe, que cada vez chegan máis nenos, "sobre todo coa covid, que a xente parece que escapa dos parques do centro, aquí é un espazo aberto e na natureza", apuntan. Por iso necesitan que o Concello conteste axiña as súas demandas, sobre todo tendo en conta que cando empece a reforma da praza de Barcelos este parque de Tafisa vai ser unha das principais alternativas.
E postos a pedir, reclaman aos responsables municipais que o día que se acheguen a esta zona se deteñan nas beirarrúas da rúa da Seca, que levan anos esperando por unha reforma integral, aínda que, como nos indican, "cun simple arranxo xa nos chega".
Relacionadas:
-
Renovación integral do parque infantil de Ponte Muíños
Por Redacción |
-
Renovan a área de xogos do parque infantil dos antigos terreos de Tafisa
Por Redacción |
-
O Concello proxecta construír un parque canino nos antigos terreos de Tafisa
Por Oskar Viéitez |
-
Limpan máis de 20.000 metros cadrados de leiras entre a antiga Tafisa e A Seca
Por Redacción |