O PP denuncia que o Goberno local de Poio tramitou 1.124 propostas de gasto con informes desfavorables
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular informou este luns que o Goberno local do Concello de Poio no ano 2020 tramitou 1.124 propostas de gastos por importe de máis de dous millóns de euros con informes desfavorables.
O grupo municipal do Partido Popular de Poio fixo públicos os datos incorporados no informe de intervención relativo á conta xeral do exercicio 2020 e no que se desprende que o Goberno local fixo esas tramitacións "sen existir cartos no momento de realizarse o gasto e que deberían contar con un expediente de contratación previo".
Segundo os populares, son "1.124 veces que xestionar mal e de forma fraudulenta os cartos dos veciños de Poio durante o ano 2020 é unha cifra alarmante e que escenifica a nefasta forma de traballar deste equipo de goberno: sen rigor, sen prudencia e sen facer caso os informes de intervención cando non lles interesa".
Nun comunicado de prensa o PP de Poio sinala que "é curioso que o Tripartito, en ocasións, escúdese en informes desfavorables para non facer as cousas como por exemplo cando lle desestimaron as alegacións aos orzamentos ás asociacións veciñais e logo ver estas prácticas irregulares durante todo o ano".