A plataforma de Cortegada, que mide valores climáticos e oceánicos, recibe a visita da conselleira de Medio Ambiente
Por Redacción
A plataforma oceanográfica próxima á illa de Cortegada recibiu este luns a visita da consellerira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. Con motivo do día meteorolóxico mundial, a mandataria quixo poñer en valor o traballo de Meteogalicia, un referente climatolóxico e científico a nivel autonómico e nacional.
En España só existen tres comunidades que contan cun servizo de información meterológica propio, que son Cataluña e País Vasco ademais de Galicia. No ano 2000 púxose en marcha Meteogalicia, " unha aposta realizada pola Xunta que hoxe segue a ter ou seu mellor aval nun gran equipo de profesionais e nas infraestruturas máis punteiras", dixo Vázquez.
Neste sentido, lembrou que a rede de observación meteorolóxica galega en terra dispón de 157 estacións de rexistro e un total de 1.104 sensores repartidos por todo o territorio con datos en tempo real accesibles de maneira gratuíta para toda a cidadanía.
Sobre a plataforma de Cortegada, a conselleira explicou que se trata dunha infraestrutura única instalada no ano 2007 que conta con sistemas de medida de variables tanto meteorolóxicas como oceánicas. Está integrada na rede oceanográfica da Xunta, que conta con boias localizadas en Muros, Ribeira, A Guarda, Rande e Cíes.