O ceo manterase totalmente despexado ata o mércores, que volverán as nubes
A costa das Rías Baixas continúa, segundo MeteoGalicia, na influencia do anticiclón que se prolongará durante toda a semana, polo que se esperan xornadas de sol, con ceos pouco anubrados ou despexados en xeral durante os vindeiros días, aínda que a mediados de semana tornarán a nubrados con nubes e claros.
O vento, protagonista nesta fin de semana, seguirá de compoñente norte pero bastante máis frouxo. As temperaturas serán normais para esta época do ano, con mínimas en descenso lixeiro chegando ata os 4º, e máximas en descenso moderado podendo alcanzar os 20º.
Na madrugada deste luns rexistrouse a que se espera que sexa a menor temperatura da semana con 4º, e o día poderá chegar ata os 20º, temperatura que se espera tamén a máis alta destes días. Os ceos estarán totalmente despexados sen presenza algunha de nubes para este día.
Para a xornada do martes subirán as mínimas ata os 7º e manteranse as máximas nos 20º. Con respecto ao ceo parece que seguirá totalmente solleiro.
Xa para a xornada do mércores espérase presenza de nubes e claros durante todo o día cunhas temperaturas mínimas de 6º e unhas máximas que baixarán notablemente ata os 15º.
Para o resto da semana o tempo manterase estable con nubes e claros e temperaturas moderadas entre os 6º e os 18º. Non está prevista chuvia nos vindeiros días.