Deben os donos limpar os ouriños dos seus cans con auga?
Por Oskar Viéitez
O PSOE de Marín propón a modificación da ordenanza municipal para que sexa obrigatorio aclarar con auga os ouriños dos cans e a pasealos provistos de bolsas e líquido.
En palabras do seu portavoz municipal Manuel Pazos "consideramos que establecer a obrigatoriedade de lavar con auga os ouriños dos cans axudará a ter rúas un pouquiño máis limpas, tal e como sucede en multitude de cidades. Queremos ademais que os donos incumplidores non poidan ter escusa e que sexa obrigatorio, non só recoller as feces cando se producen, se non pasear aos cans provistos de bolsas para os excrementos e auga para limpar os ouriños".
O grupo municipal socialista de Marín cre que "o problema de sucidade en Marín é elevado" entre outros factores sinalan que isto é debido ao "escaso civismo dalgúns donos de cans, que se manifesta na existencia de feces nas beirarrúas e xardíns, así como ouriña nas esquinas, nas entradas a locais comerciais, nos farois, sinais de tráfico, etc.".
Desde o Concello de Marín desde hai moito tempo veñen realizando campañas de concienciación para reducir esta problemática. Tamén a Policía Local sanciona ás persoas incumplidoras, pero en moi poucas ocasións é posible facelo porque habería que ver ao infractor no xusto momento en que deixa sen recoller os excrementos, ademáis as persoas incívicas xa se coidan de ver ao seu redor antes de marcharse sen recoller as feces dos seus cans.
En moitísimas cidades de España é sancionable tanto o feito de que o can defeque ou ouriñe na vía pública sen ser posteriormente recollido ou limpado polo dono, como o feito de pasear aos cans desprovisto de bolsas e líquido para tal fin.
Para axudar a unha maior limpeza das rúas os socialistas propoñen a modificación do artigo 24 da Ordenanza de Protección e Tenencia de Animais xa que deste xeito "será obrigatorio o aclareo e limpeza dos ouriños dos cans inmediatamente despois da micción, mediante o emprego de auga mesturada con vinagre branco ou amoníaco".
Para garantir esta limpeza, queren que se obrigatorio que os propietarios, no momento en que pasean o can pola vía pública, vaian provistos de bolsas para a retirada hixiénica das feces e dunha botella non inferior a 33 cl de auga lixeiramente mesturado con vinagre branco ou amoníaco debidamente identificada.
Así mesmo propoñen impulsar unha campaña informativa e divulgativa a través principalmente de redes sociais explicando as medidas aprobadas e a súa finalidade, incidindo tamén na necesidade dun maior civismo.