Unha visita para descubrir os escuros segredos da Pontevedra máis descoñecida
Por Oskar Viéitez
"Inquisición, asasinatos, epidemias, mancebías, torturas, bruxería e símbolos masónicos escóndense no tenebroso pasado de Pontevedra". Así se publicita "Crime e Castigo" o nome dunha das visitas temáticas que a empresa Brúxula oferta na cidade do Lérez.
Segundo explica Rocío Cid, unha das xerentes de Brúxula Servizos Turísticos "somos unha axencia de guías turísticos que presta os seus servizos a axencias de viaxes, concellos, institucións públicas e privadas, asociacións, particulares, etc... para as súas excursións, circuítos e viaxes".
"Co tema do Covid, en marzo do ano pasado, quedamos sen traballo e decidimos idear unha serie de visitas ou roteiros guiados para grupos reducidos en diferentes puntos de Galicia totalmente diferentes ás visitas guiadas convencionais creadas polos nosos guías oficiais cada unha sobre unha temática diferente: misterio, oficios tradicionais, piratas, bruxería, lendas, literatura, emigración, etc... e así poder manternos en pe", relata Rocío.
Iniciáronse no verán do ano pasado e tiveron moito éxito. Despois, as restricións fixéronse máis duras e tiveron que parar, pero a partir da semana que vén comezan de novo (fins de semana e festivos) con 5 destas visitas en Pontevedra, Combarro e A Coruña "ás que iremos engadindo máis co tempo".
Co roteiro xa mencionado de "Crime e Castigo" animan a "descubrir os escuros segredos da Pontevedra máis descoñecida" percorrendo o casco antigo para contar a súa historia negra.
Tamén ofrecen outro roteiro que vira sobre a historia de Benito Soto, o último pirata do Atlántico interpretada por un guía caracterizado e que tamén discorre pola zona monumental da Boa Vila, do mesmo xeito que sucede na visita "Con Oficio e Beneficio" sobre os oficios e os comercios tradicionais da cidade.
"Meigas Fóra" é o nome do roteiro polo casco antigo de Combarro que fala sobre bruxería, lendas e o roteiro dos 7 cruceiros.
A última dos roteiros coas que Brúxula retoma a súa actividade chámase "O xardín de Hércules", xa na cidade da Coruña, percorrendo o parque escultórico da Torre de Hércules a través das 7 probas deste mítico heroe.
Rocío Cid lembra que todas estas visitas faranse con aforo reducido (8 persoas + guía) respectando a normativa vixente. As entradas véndense a través dunha billeteira en liña na súa páxina web.
Relacionadas:
-
RADIO.- Tamén houbo inquisidores con "sentido común, humanidade e cordura" e están en 'Las brujas y el inquisidor'
Por Marisa Ciordia |
-
Segunda rolda de excursións en embarcacións tradicionais polo Lérez
Por Redacción |
-
Turismo de Pontevedra inicia esta fin de semana as visitas guiadas polo centro histórico
Por Redacción |