Pontevedra organiza unha xornada técnica para 'afinar' o novo contrato do lixo
Por Redacción
Cinco das empresas máis destacadas do sector, Ferrovial, FCC, Urbaser, Acciona e Valoriza, participarán na xornada técnica convocada polo Concello de Pontevedra para coñecer as últimas propostas presentadas en materia de xestión e recollida de lixo.
Toda esa información, segundo o goberno municipal, servirá para redactar os pregos do novo contrato da xestión dos residuos no que xa traballan os técnicos do Concello.
O edil responsable da área, Raimundo González, explica que este o momento de coñecer todas as propostas existentes e incorporar aquelas que resulten de interese nun contrato que terá na xestión dos biorresiduos a súa peza capital.
O obxectivo deste encontro é coñecer os modelos de recollida, a xestión de biorresiduos, a economía circular, o uso de enerxías renovables na xestión de residuos ou a aplicacións das novas tecnoloxías máis punteiras nestes momentos no Estado.
Con esta última información o Concello dará por pechada a fase de participación para a elaboración dos pregos, que tamén se nutrirá coas ducias de achegas que foi facendo a veciñanza nestes meses, e centrarase de cheo no estudo económico e na súa redacción.
A xornada, que foi suspendida o pasado 4 de febreiro pola pandemia, celebrarase a través ca canle municipal de YouTube o próximo 25 de marzo, a partir das catro da tarde.
O encontro, que terá un marcado carácter profesional, tamén está aberto ao público e os participantes poderán facer preguntas e suxestións a través do chat, que serán respondidas ao final da xornada por parte dos técnicos.
Relacionadas:
-
Pontevedra licitará "en cuestión de días" o novo contrato de xestión do lixo
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra prorroga o contrato do lixo mentres ultima os pregos do novo
Por Alejandro Espiño |
-
A recollida selectiva superou en 2020 as catro mil toneladas de residuos, un 12% máis
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra xa ten operativos 20 novos colectores de compostaxe
Por Redacción |
-
Pontevedra rebaixou en case 1.500 toneladas o volume de residuos enviados a incinerar en Sogama durante 2020
Por Anxo Lourido |