Repuntan lixeiramente os contaxios na área sanitaria de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Moito ollo. Os contaxios por covid-19 repuntan na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Polo momento, o ascenso é moderadamente lixeiro. Nas últimas 24 horas, detectáronse 16 novos infectados. É a maior cifra do últimos sete días.
Os casos activos por coronavirus sitúanse en 204, segundo o balance diario do Servizo Galego de Saúde. Son oito menos dos que había este xoves. Isto é debido aos 24 pacientes que se recuperaron da infección desde onte.
Os que están hospitalizados, iso si, son cada vez menos. Hai 17 entre os tres centros hospitalarios da área pontevedresa, un menos que onte.
A maior parte dos ingresados (10) están en sendo atendidos en Montecelo. Un máis está no Hospital do Salnés. Non hai ningún paciente covid, pola súa banda, no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.
No caso dos críticos, que están ingresados na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo, son 6, un menos dos que rexistraba o último balance de Sanidade.
O resto dos que contraeron o virus, outras 187 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.
Desde o inicio da pandemia 12.237 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 24 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 161 falecementos asociados ao virus.
En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 177.497, 685 nas últimas horas. Delas, 13 deron positivo (1,89%). A estas probas súmanse as 90.714 seroloxías realizadas ata a data.
INCIDENCIA EN GALICIA
A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.575, 11 menos que o día anterior. Deles 1.017 son da área da Coruña, 210 da de Lugo, 162 da de Ourense, 204 da de Pontevedra, 487 da área de Vigo, 275 da de Santiago e 220 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 55 están en UCI, 197 en unidades de hospitalización e 2.323 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 110.601 persoas curadas, rexistrándose 2.315 falecementos.
Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 1.788.840 probas PCR, 6.864 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar 172 novos infectados.
Relacionadas:
-
RADIO.- Preguntamos na rúa: o peor da pandemia pasou?
Por Marisa Ciordia |
-
España reanuda a vacinación con AstraZeneca ao ser "segura e eficaz"
Por Alejandro Espiño |
-
Dous hospitalizados menos por covid na área sanitaria, con 11 ingresados en planta e 7 pacientes na UCI
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra terá unha unidade poscovid para pacientes con secuelas da pandemia
Por Alejandro Espiño |