Convocan un concurso de ideas para revitalizar o barrio mariñeiro da Banda do Río
Por Redacción
Revitalizar e mellorar as condicións de vida do barrio mariñeiro da Banda do Río. Con ese obxectivo, o Concello de Bueu convocará un concurso de ideas co que busca situar este enclave "á vangarda no fomento de políticas de accesibilidade e mobilidade".
Esta iniciativa conta coa colaboración do Colexio de Arquitectos de Galicia para o que "é unha honra participar deste proxecto, sobre todo cando gran parte da historia de Bueu discorre por este barrio", segundo destacou o seu presidente, Anselmo Villanueva.
O alcalde, Félix Juncal, asegurou que este trámite é un paso "importante", despois de moitos meses de negociación coas diversas sensibilidades do barrio.
Este convenio chega tras múltiples reunións celebradas con representantes da Asociación Veciñal da Banda do Río e da Plataforma Veciñal da Banda do Río, dous colectivos que integraron as diversas mesas de seguimento xunto á corporación municipal.
Os escritos presentados por estes colectivos, xunto a outra documentación e fotos históricas, servirán de base para que os arquitectos e arquitectas establezan as súas propostas de mellora no marco da convocatoria do concurso.
Entre as principais liñas de actuación a ter en conta están a seguridade viaria, un maior tratamento dos aparcadoiros, a renovación das edificacións, dos servizos ou de iluminación ou o tratamento do contacto coas vías e coa praia.
O xurado do concurso, que terá 38.000 euros en premios -20.000 para o proxecto gañador- estará composto por persoas vinculadas ao sector da arquitectura e da enxeñería, polo que se valorarán as propostas dende o punto de vista técnico.
O ámbito de localización comprende o cuadrilátero delimitado polas rúas Johán Carballeira e Can do Penedo, incluíndo ambos os lados da Avenida Montero Ríos e da rúa Pazos Fontenla, cunha superficie aproximada de 61.500 metros cadrados.