Demandan unha adaptación da idade de xubilación para as persoas con síndrome de Down
Por Redacción
A Casa da Luz loce desde este xoves e ata o domingo unha pancarta conmemorativa do Día Internacional da Síndrome de Down, que se celebra este 21 de marzo. O despregamento era levado a cabo por Manuel Pérez Cabo, presidente da asociación Down Pontevedra Xuntos, acompañado pola coordinadora do colectivo Paula Villaverde Gondar e ao acto acudía tamén o concelleiro de Benestar Social Marcos Rey.
Pérez Cabo explicaba que o despregamento da pancarta é un acto simbólico debido ás circunstancias que marca a pandemia e que obriga a suspender as celebracións doutros anos con actos multitudinarios.
Está previsto que se ilumine esta mesma noite do xoves o edificio da delegación territorial da Xunta de Galicia con motivo desta xornada, ademais da instalación de paraugas co símbolo de Down Pontevedra Xuntos por diversas prazas da cidade. O domingo 21 desenvolverase o acto central a través da Federación Galega cun evento retransmitido virtualmente desde Santiago coa lectura dun manifesto reivindicativo e coa intervención do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
O presidente de Down Pontevedra Xuntos recoñecía que a pandemia limitou as actividades educativas e de socialización das persoas usuarias da asociación, pero que continúan en activo realizando tarefas con grupos reducidos. Destacou como aspecto positivo que rompeu a fenda dixital no caso de moitos usuarios, que agora traballan a través de internet.
Unha das súas principais reivindicacións é a adaptación da idade de xubilación ás persoas que traballan e que teñen síndrome de Down, ao sufrir un envellecemento prematuro. Manuel Pérez Cabo afirmaba que agardar aos 65 anos para recibir esa prestación provoca que moitas destas persoas non alcancen esa idade. Deste xeito, demandan das administracións que regulen de maneira proporcional unha redución da idade de xubilación.
Neste mesmo sentido, tamén afirmaba que o SERGAS adaptou o proceso de vacinación para os usuarios destes colectivos, de forma que se incluirán as persoas maiores de 45 anos con síndrome de Down no grupo de maiores de 70, que proximamente serán inoculados. Os máis dependentes, situados no grao tres, xa recibiron a primeira vacina do mesmo xeito que os profesionais dos centros de atención.
Na actualidade, a asociación Down Pontevedra Xuntos conta con 109 usuarios, unha trintena ten outro tipo de discapacidade pero son atendidos igualmente na asociación, que conta cunha longa lista de espera.
Relacionadas:
-
'#NoSomosUnEstereotipo, somos mucho más',' a campaña para combater os prexuízos das persoas con síndrome de Down
Por Alba Feijoo Alonso |
-
Tanatorio San Marcos, Distribuciones Froiz e Matriuska Producciones colaboran na inserción laboral de persoas de Down Xuntos
Por Redacción |
-
Xuntos Asociación de Síndrome de Down presenta á Xunta un plan de empoderamento de mulleres con discapacidade intelectual
Por Redacción |
-
San Francisco ilumínase polo Día Mundial da Síndrome de Down
Por Redacción |
-
Voces Ocultas exhibe o seu talento artístico no Principal
Por Mónica Patxot |
-
Benestar Social reclama formación e material sanitario para os centros de atención a persoas con diversidade funcional
Por Redacción |
-
Novo obradoiro de educación musical na Universidade para integrantes de Down Xuntos
Por Redacción |