O BNG pide ao Goberno que cambie o nome do colexio Salvador Moreno e retire a simboloxía franquista e relixiosa do centro escolar
Por Redacción
Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, solicitou ao Goberno central que se cambie o nome do colexio público 'Salvador Moreno', situado na rúa Rosalía de Castro. Este centro leva o nome dun militar franquista que participou no golpe de estado en 1936 e ocupou cargos como o de Ministro da Mariña durante a Ditadura franquista.
Ademais, desde a formación nacionalista reclaman que se elimine o ideario relixioso deste centro e que finalice a situación de excepcionalidade do colexio e que sexa transferida a xestión do centro á Xunta de Galicia, responsable das competencias educativas na comunidade.
Rego demanda que se retire a simboloxía franquista que aínda permanece nas dependencias do colexio e, con carácter urxente, ao entender que non se pode render homenaxe a un franquista.
Desde o BNG sinalan que o centro constitúe unha verdadeira "anomalía", por conservar o nome que enxalza ao militar franquista e por tratarse dun edificio público de carácter civil e educativo onde persoal civil ao servizo do Ministerio de Defensa desenvolve a súa actividade profesional sen que se produza a transferencia á administración autonómica.
Ademais insisten en que a pesar de ser un centro sostido integramente con fondos públicos e depender da Armada, o colexio segue mantendo un ideario relixioso, obrigando á comunidade escolar a aceptalo. Por este motivo, Néstor Rego insiste na necesidade de eliminar toda a simboloxía e rastro do ideario relixioso ao tratarse dun centro público de ensino.
Entre outros puntos, o BNG indica que tamén no centro contradise o recollido na lei respecto ao uso das bandeiras e símbolos do Estado xunto ás recoñecidas nos Estatutos de Autonomía, onde figura que as dúas deben ser utilizadas conxuntamente nos edificios públicos civís, pero no centro só ondea a bandeira española e non a de Galicia.
Relacionadas:
-
Denuncian que no colexio 'Juan Sebastián Elcano' só ondea a bandeira de España e incúlcase "amor á patria e ás Forzas Armadas"
Por Redacción |
-
O colexio Salvador Moreno pasará a chamarse Juan Sebastián Elcano
Por Redacción |
-
Reclaman que a Xunta asuma o colexio Salvador Moreno e cambie o seu nome "franquista"
Por Redacción |
-
A pegada da ditadura que aínda habita na cidade
Por Sara Iglesias & Cristina Saiz |