Ábrese o prazo para presentarse ao Premios Provinciais á Xuventude de 2021
O goberno da Deputación de Pontevedra lanzou este xoves os V Premios da Xuventude que este ano repartirán un total de 32.000 euros entre as mellores iniciativas impulsadas pola mocidade. O obxectivo destes premios é, segundo a Deputación, promover o talento, a creatividade e o potencial da xente nova, estimulando e recoñecendo a súa traxectoria, esforzo e compromiso.
As bases publicaranse este xoves a través do BOPPO, e o prazo de presentación dos proxectos estará aberto dende o próximo luns 22 de marzo ata mediados de xuño.
Nesta edición haberá 9 categorías (iniciativa social, empresarial, educación en valores, banda deseñada, deseño e moda, contido dixital, música, literatura e fotografía), ás que se poderán presentar mozas e mozos empadroados na provincia de idades comprendidas entre 16 e 35 anos.
As iniciativas serán valoradas de xeito totalmente anónimo, para garantir a obxectividade no proceso, segundo a Deputación. En todas as modalidades se premiará a orixinalidade, creatividade, claridade, concreción e innovación da iniciativa, ademais da súa proxección e impacto. O xurado tamén terá en conta os proxectos que aposten por promover a igualdade, a inclusión social, a economía circular e a eliminación de residuos.
Na edición do ano 2020 un total de 34 mozas e mozos de diferentes Concellos de toda a Provincia de Pontevedra, recibiron os Premios á Xuventude nunha gala presentada pola artista Cora Velasco e coa música ao vivo de Jairo Daponte.
CATEGORIAS E PREMIOS
En iniciativa social premiarase aos tres mellores proxectos (2.000, 1.250 e 750 euros) xestionados de maneira autónoma por persoas que sexan integrantes dunha entidade do ámbito social e que leven, ao menos, un mes en funcionamento.
En canto á categoría de iniciativa empresarial valoraranse as iniciativas (2.000, 1.250 e 750 euros) que teñan un maior impacto e proxección.
A mesma contía e número de premios terá educación en valores, á que se poderán presentar proxectos executados nos cursos 19/20 ou 20/21, nos que participou alumnado de entre 12 e 18 anos para promover iniciativas como a igualdade, entre moitas outras.
A categoría de banda deseñada contará con tres premios (1.000, 600 e 400 euros) para as mellores e máis orixinais obras de temática e estilo libre, en cor ou en branco e negro, con ou sen textos en galego ou castelán, cunha extensión de entre 2 e 5 páxinas.
Na categoría de deseño e moda distribuiranse os mesmo premios (1.000, 600 e 400 euros) e poderanse presentar proxectos orixinais e inéditos de deseño de artesanía, xoiería, téxtil e complementos de moda.
Nas categorías contido dixital, traballo musical, traballo literario breve e fotografía orixinal contarán con dúas modalidades que repartirán, á súa vez, tres premios de 1.000, 600 e 400 euros para os mellores traballos.
Contido dixital terá as categorías de contido audiovidual e weblog, en traballo musical serán música clásica e outros xéneros, narrativa e poesía serán as dúas categorías para para traballo literario breve e no caso de fotografía orixinal contará coas modalidades de serie fotográfica e fotografía.
Relacionadas:
-
A Deputación recoñece o "talento, esforzo e compromiso" na V Gala da Xuventude
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Os Premios Provinciais á Xuventude xa teñen gañadores
Por Redacción |
-
Presentan 85 proxectos aos Premios á Xuventude da Deputación
Por Redacción |
-
Os Premios Provinciais á Xuventude lánzanse antes e con máis dotación para promover iniciativas durante a corentena
Por Redacción |