Avanzan as obras de mellora da seguridade viaria nas estradas de Barro
Por Redacción
Dúas estradas ao seu paso polo concello de Barro reciben o financiamento da Deputación de Pontevedra para a mellora da súa seguridade viaria, dentro dun plan que se está a acometer na rede provincial de estradas. As obras suporán un investimento conxunto superior aos 50.000 euros.
O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, visitaba este mércores as estradas EP-0508 Curro-San Amaro e EP-0509 Igrexa-A Portela, en compañía do deputado Manuel González, o alcalde de Barro, José Manuel Fernández, e o concelleiro de Obras, Iván Bello.
Gregorio Agís destacou o esforzo polo mantemento das estradas provinciais en Barro e a estreita colaboración do Concello en todas as actuacións. O deputado destacaba a transformación da EP-0508 Curro-San Amaro, onde se construíron cunetas tendidas "que dan seguridade aos peóns na liña do que estamos facendo en moitos puntos da provincia". Ademais anunciou o comezo, en poucas semanas, das obras no ramal da Igrexa-A Portela "que vai mellorar notablemente a seguridade e confort nesta contorna".
O alcalde José Manuel Fernández agradeceu o esforzo continuo da Deputación por optimizar o viario provincial como demostran as obras na estrada de San Amaro, solicitadas o pasado mes de setembro. "Era evidente que había certo perigo, ao tratarse dunha vía estreita, e o deputado de Infraestruturas respondeume que estudarían esta solución de rede de pluviais soterrada e con cunetas tendidas en superficie", apuntaba o rexedor. Ademais engadiu que as novas cunetas "son case como beirarrúas que fan posible un paso máis seguro para as persoas, pero tamén permiten aparcar aos vehículos".
En canto ao ramal da Igrexa-A Portela indicou que se trata dun tramo moi pequeno, pertencente á rede provincial, e que será cedido ao Concello unha vez rematen as obras.
Estas dúas novas obras súmanse ás 18 xa realizadas nas oito estradas provinciais existentes no municipio de Barro dende o ano 2015, cun investimento nesta área que supera os 2 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Rematada a obra na estrada provincial EP-0509 ao seu paso por Barro
Por Redacción |
-
400.000 euros para mellorar a seguridade viaria entre Curro-Portela
Por Redacción |
-
O PP califica de "parche" a reforma da Deputación na estrada entre Curro e A Portela
Por Redacción |
-
Barro mellorará os accesos ao lugar do Concello
Por Redacción |
-
Marín, Barro e Ribadumia benefícianse das novas liñas do Plan Concellos
Por Redacción |
-
450.000 euros van investirse no pavimento da estrada provincial entre Curro e Portela
Por Redacción |
-
Barro mellora os servizos nunha ducia de núcleos de poboación co Plan Concellos
Por Redacción |