Turismo de Galicia destinará 120.000 euros á creación da marca Mar de Santiago
O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, firmou este mércores cos alcaldes dos concellos de Vilanova, Catoira, Pontecesures e Valga, un convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto Mar de Santiago.
A finalidade é elaborar un plan de activación turística e márketing dixital e crear un selo de calidade que se identifique co itinerario vencellado á chegada dos restos do apóstolo a Galicia; é dicir, coa Ruta do Mar de Arousa e do Río Ulla.
Segundo a Xunta, a través da Axencia Turismo de Galicia, destinarase algo máis de 120.000 euros a este proxecto, que se enmarca dentro dos obxectivos do Plan estratéxico Turismo de Galicia, coa comunidade como destino seguro e a marca Mar de Santiago como modelo de turismo tranquilo.
O Plan de activación turística e márketing dixital busca ademais, segundo o goberno autonómico, o desenvolvemento de estratexias de produto que distingan o Camiño de Santiago: a oferta gastronómica, a paisaxe, o turismo rural ou o relixioso.
PREVISIÓNS TURÍSTICAS
Alfonso Rueda declarou que o plan permitirá coñecer mellor un itinerario "con moito potencial e que ten moito que aportar". O vicepresidente foi optimista respecto ás previsións turísticas para o segundo semestre do Ano Santo 2021 e para todo o 2022, convencido de que os peregrinos queiran coñecer as marabillas desta zona.
A Xunta confía no Xacobeo como motor da recuperación económica de Galicia e na promoción dun modelo turístico de natureza, gastronomía e paisaxe acorde cos obxectivos que pretende o proxecto Mar de Santiago.