Os traballadores de Treves desconvocan a folga ao aceptar a dirección as súas peticións laborais
Por Anxo Lourido
Este mediodía, a poucas horas de que se iniciase, a folga prevista na factoría de Trèves no Polígono do Campiño, a asemblea de traballadores desconvocou o paro despois de que o comité de empresa e a dirección chegasen a un acordo sobre as demandas que o persoal estaba a realizar: redución do ritmo de traballo, rotacións nos postos e diferentes cuestións de saúde laboral.
Segundo afirma o presidente do comité de empresa, David Couñago, a negociación durante esta xornada resultou dura: "Complicouse no tema da empresa externa que vai medir os tempos de traballo porque a dirección de Treves quería que unha vez que calculasen os tempos os aceptasemos e nós queremos estudalos e despois facer un informe. Conseguimos reducir o ritmo de cadea mentres non están eses tempos feitos", ademais o comité de persoal logrou que unha empresa externa tamén se fixese cargo dun estudo ergonómico. Estudos que comezarán en 15 días e que no prazo de dous meses estarían finalizados.
"Estabamos sufrindo moitas baixas, recaidas, incidentes ao cliente"
A dirección tamén aceptou a notificación ao comité de saúde laboral das modificacións de postos de traballo para que emita un informe, aplicar un sistema de rotación no posto que co novo modelo de Citroën no que traballaban non se estaba a aplicar: "Na zona de asentos hai que rotar cada 2 horas e na de moquetas e insonorizantes cada hora. Nas zonas sensibles vai vir alguén da mutua que vai asignar determinados postos, por exemplo, para o caso das mulleres embarazadas".
Couñago indica que este resultado da negociación "demostra que tiñamos razón. Estiveron centrados en lanzar pezas e olvidáronse do resto. O ritmo de traballo non se entendía pola cidadanía pero estabamos sufrindo moitas baixas, recaidas, incidentes ao cliente e nos anunciaban o ERE e nos metían caña e anunciando que vai haber a finais de ano un sobrante de 15 persoas".
En todo caso, o comité de empresa contempla un final de ano complicado porque o convenio laboral caduca e a empresa continúa a falar de que hai un excedente no cadro de persoal de 15 traballadores. "Estamos pelexando para que traian máis carga de traballo", sinala o presidente do comité de persoal.
Relacionadas:
-
O comité de empresa de Treves acode á Inspección de Traballo para que medie na negociación do ERE
Por Redacción |
-
Treves parará unha semana obrigada polo axuste de produción de Citroen
Por Redacción |
-
Principio de acordo en Treves que, agás sorpresa, evita a folga prevista para o luns 23
Por Redacción |
-
A folga en Treves segue convocada a pesar dun achegamento de posturas entre empresa e comité
Por Anxo Lourido |