Vilaboa inicia en Postemirón a mellora dos seus parques infantís
Por Redacción
A remodelación dos parques infantís de Vilaboa será unha das prioridades do goberno municipal para este ano 2021.
"Empezamos este camiño de atención ás áreas de xogo infantís en Postemirón pero aos poucos iremos actuando en todos, sen esquecer as zonas máis afastadas", explicou respecto diso o alcalde, César Poza.
En concreto está prevista a ampliación da zona, a dotación de novos elementos de xogo e a renovación do peche.
Trátase dun plan de actuacións que "forma parte do noso recoñecemento ao comportamento exemplar dos nenos e nenas de Vilaboa durante a pandemia", sinalou o rexedor.
O cronograma elaborado polo Concello sitúa o parque da Casa de Cultura de Figueirido como o seguinte no que se actuará. Nas próximas semanas comezará a primeira fase de rehabilitación da contorna cun orzamento de 30.000 euros para que a poboación desta parroquia poida gozar o próximo ano dun gran espazo de xogos.
Ademais nos plans do goberno municipal atópanse actuacións no parque da Canteira de Paredes e o de Riomaior, cuxo proxecto está en fase de redacción e pendente dos informes para formalizar a cesión ao Concello.