A rede de Meteogalicia estrea unha nova estación meteorolóxica en Marín
Por Redacción
Desde este martes Meteogalicia conta cunha estación meteorolóxica en Marín, que se suma á súa ampla rede de observación. Logrouno a través dunha colaboración coa Autoridade Portuaria, en cuxos terreos se instalou esta infraestrutura.
Esta rede de estacións está formada por 157 instalacións, que suman máis de 1.104 sensores de medición repartidos por toda a xeografía galega. Neste caso permitirá ademais mellorar as predicións relativas á ría de Pontevedra.
Deste xeito, na ría de Pontevedra haberá sete estaciones meteorolóxicas (Cabo Udra, Lourizán, Pontevedra-Campolongo, Castrove, Sanxenxo, Ons -na entrada da ría- e no porto de Marín) que rexistran datos sobre a velocidade e dirección do vento, da sonda de temperatura e da humidade, a choiva, a presión atmosférica e a radiación solar global.
Esta nova estación, que visitou este martes a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, permitirá ademais rexistrar o vento de fondo da ría a nivel do mar.
Esta información poderase transmitir en tempo real ao centro de control das operacións de carga e descarga, o que permitirá definir as condicións de seguridade necesarias en cada unha das actividades que habitualmente se realizan no porto.
Vázquez destacou que esta estación contribuirá a crear en Galicia portos cada vez máis seguros non só a nivel laboral, senón tamén desde o punto de vista medio ambiental.