Arte urbano con mensaxe feminista nos muros da rúa Cruz Gallástegui
Por Mónica Patxot & Redacción
Un muro situado na céntrica rúa Cruz Gallástegui converteuse no 'lenzo' sobre o que a artista urbana Sax, en colaboración coa Urban Culture Factory, está a plasmar este martes o graffiti reivindicativo promovido pola Concellería de Igualdade con motivo do 8M, Día da Muller.
A concelleira Yoya Blanco asegurou que, a través deste mural inspirado no cartel deseñado por Maru Astray para a campaña 'Feminismo para cambiar o mundo', "as mulleres ocupamos o espazo público cunha imaxe moi poderosa, que reflicte o noso berro a prol da igualdade real e a loita polos dereitos de tódalas mulleres".
A graffiteira Sax conta cunha longa traxectoria, tal e como lembrou a concelleira de Igualdade, e "o seu estilo, as cores e texturas que emprega, encaixan á perfección co empoderamento feminino e a forza das nosas demandas. É un berro reivindicativo, que amosa que non estamos dispostas a soportar máis minutos de silencio, e unha homenaxe ás mulleres artistas e á arte feminina: unha imaxe moi potente e fermosa, símbolo dun 8M no que, por mor da pandemia, non puidemos saír ás rúas de xeito multitudinario e vivir esa sororidade colectiva que tanta falta nos fai", asegurou Yoya Blanco.
A socialista agradeceu a implicación da Urban Culture Factory coa arte urbana, apostando pola rexeneración e dignificación dos espazos públicos e simbólicos da identidade cultural, e coas reivindicacións das mulleres. Segundo apuntou, este colectivo está a traballar de xeito decidido na consolidación e desenvolvemento de artistas mulleres.
FALADOIROS LITERARIOS FEMINISTAS
As escritoras protagonizarán no centro asociado da Uned o segundo dos Faladoiros Literarios Feministas organizados pola Concellería de Igualdade no marco das actividades programadas co motivo do 8M.
Esta nova mesa estará moderada pola xornalista Sara Vila Alonso, será emitida este mércores en streaming en España e Latinoamérica a partir das 19:00, contará coa participación da socialista Yoya Blanco e nela presentarase os libros 'A lavandeira de San Simón' e 'Libres e Vivas'.