A Fiscalía pide catro anos e medio de prisión a un mozo por agredir a outro á saída dun pub de Vilagarcía
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou visto para sentenza este martes o xuízo contra un home acusado de agredir ao seu compañeiro á saída dun pub de Vilagarcía de Arousa no transcurso dunha discusión.
A Fiscalía pide unha pena de catro anos e medio de prisión para o acusado.
Segundo declarou o agredido, os feitos tiveron lugar sobre as 2,30 horas do 19 de outubro de 2018, cando o procesado coincidiu con el no pub e pediulle as chaves do coche. O demandante negouse a prestar o vehículo ao seu compañeiro porque este xa llo colleu sen permiso noutra ocasión sendo multado por non ter carné de conducir.
Diante da negativa para prestarlle o coche iniciouse unha discusión entre ambos que continuou no exterior do establecemento. Cando transitaban pola rúa do Cristo o acusado, segundo o testemuño da vítima, "me dio un fuerte empujón y me caí al suelo" e a continuación "se abalanzó sobre mi golpeándome". Nese momento o agredido perdeu o coñecemento.
Como consecuencia, o mozo agredido sufriu lesións no queixo, a perda de varios dentes e unha fractura na mandíbula que requiriron dunha intervención cirúrxica.
O Ministerio Fiscal considerou ao procesado responsable dun delito de lesións con deformidade e ademais da pena de prisión tamén reclamou que o acusado indemnice ao outro home en máis de 22.600 euros, unha cantidade que considera que debe incrementarse nuns 3.400 euros ao tratarse dun delito doloso; así como que abone ao Sergas o custo de asistencia médica prestada polos feitos.