A Audiencia de Pontevedra condena a 4 anos de prisión a un ladrón multirreincidente por roubar en varias empresas
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou este martes mediante un acordo de conformidade a un home acusado de acceder a catro empresas e subtraer obxectos que se achaban no seu interior.
En virtude deste acordo o acusado recoñeceu a comisión deste delito e viu rebaixada a petición inicial de pena.
Inicialmente enfrontábase a unha petición de seis anos de cárcere pero en virtude do acordo reduciuse a 4 anos. Este individuo acumulaba outras nove condenas penais por delitos similares.
Os sucesos que lle trouxeron este martes á Audiencia provincial tiveron lugar, entre o 31 de decembro de 2016 e o 6 de marzo de 2017, cando "con afán de obter un beneficio patrimonial ilícito", roubou en tres naves industriais no polígono empresarial de Porriño e tentouno de maneira frustrada noutra de Mos.
Para a Fiscalía este home é autor dun delito continuado de roubo con forza nas cousas, coa agravante de multirreincidencia. O acusado deberá indemnizar un total de nove mil euros a unha das empresas e ás aseguradoras das outras dúas.
O xuízo resolveuse este xoves mediante un acordo de conformidade entre as partes, que evitou a celebración da vista oral. A sentenza é firme xa que as partes comprometéronse a non interpoñer recurso.