CC.OO. alerta da discriminación por sexo na empresa concesionaria do servizo de limpeza dos hospitais púbicos de Pontevedra
Por Redacción
A Inspección de Traballo requiriu á empresa Acciona, concesionaria do servizo de limpeza dos Hospitais Provincial e Montecelo, que constitúa a Comisión de Igualdade, tal e como se recolle no convenio colectivo. Así o indica o sindicato Comisións Obreiras (CC. OO.) despois da denuncia presentada polo incumprimento deste punto.
José Luis García Pedrosa, secretario de organización de CC.OO., afirma que a empresa tanto nunha reunión como por escrito se negou a crear esta Comisión de Igualdade. Afirma que o servizo de limpeza dos hospitais públicos de Pontevedra se producen situacións de discriminación "inadmisibles".
Desta forma, sinalan que existe unha notable fenda salarial entre homes e mulleres desta empresa, a pesar de que as mulleres constitúen a maioría do persoal; afirman que todos os postos de responsabilidade son asumidos por homes; non se facilita a concicliación da vida laboral e familiar; ademais de producirse situacións discriminatorias e de falta de igualdade de trato.
García Pedrosa incide en que estas actuacións son recorridas perante o xulgado do Social e as sentenzas resultan favorables ás traballadoras en temas como a adaptación da xornada e a conciliación. Denuncian que nos casos en que as traballadoras solicitan unha adaptación da xornada laboral a empresa non actúa de boa fe.
O sindicato reclama á Xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que interveña para erradicar estas situacións de desigualdade.