Nova sala de agarda para as vítimas de violencia de xénero nos Xulgados da Parda
Por Redacción
A Xunta habilita unha nova sala de agarda para as mulleres vítimas de violencia de xénero nos Xulgados da Parda en Pontevedra, cun amplo espazo exclusivo na segunda planta do edificio que alberga os xulgados especializados de violencia de xénero.
Esta sala é reservada e independente do resto das instalacións e atópase ao carón dos xulgados de Instrución nº 3 e do Penal nº 4, que son os que se ocupan deste tipo de asuntos. O novo espazo xa está operativo.
As actuacións de mellora e acondicionamento do edificio tamén se estenderon ás dependencias ocupadas pola Fiscalía Provincial e polo Instituto de Medicina Legal (IMELGA),que así dispoñen de máis espazos e mellor acondicionados. En total, estas actuacións de mellora das instalacións supoñen un investimento de preto de 80.000 euros.
Ademais, estanse a implantar de xeito progresivo as denominadas salas Gesell nas sedes xudiciais, destinadas a tomar declaración en condicións de protección e reserva ás persoas que requiran desta especial cautela, como os menores ou as vítimas de violencia de xénero, entre outras.
Por outra banda, a Xunta continúa coa posta en marcha de novas salas de vistas co sistema de videoconferencia no marco do Plan Senda, unha medida fundamental na protección das vítimas e que viu xeneralizado o seu uso debido á crise sanitaria da COVID-19.
EDIFICIO INAUGURADO EN 2019
A posta en funcionamento do novo edificio xudicial en setembro de 2019 permitiu facer una redistribución dos órganos xudiciais entre os dous edificios. O edificio xa existente reservouse esencialmente para os órganos da xurisdición penal, a Fiscalía Provincial e o IMELGA, trasladándose ao novo edificio os restantes órganos xudiciais. O traslado parcial ás novas dependencias abriu a posibilidade de dispoñer de novos espazos, o que permitiu facer unha reestruturación importante no edificio preexistente, dotando aos xulgados da xurisdición penal de mais espazos para as oficinas e posibilitando a instalación de salas para comparecencias e salas de espera para os cidadáns e os profesionais.