Para outono o Concello de Ribadumia contará cun novo colector de augas residuais
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou este luns a zona proxectada para o novo bombeo e colector de Cabanelas, no Concello de Ribadumia, acompañado polo seu alcalde, David Castro. Nesta visita coñeceron con exactitude os problemas das verteduras na zona e, segundo a Xunta, tentarán adoptar unha solución aos mesmos no marco do Plan de Mellora do Saneamento da Ría de Arousa.
Luis López explicou que están xestionando con Augas de Galicia un proxecto para a realización deste investimento, "estaría cifrado nun millón de euros e parte dunha solicitude cursada polos alcaldes de Ribadumia e Vilanova". Engadiu que a actuación poder encaixar no plan de saneamento da Xunta cun financiamento de 5,5 millóns de euros, e complementar as actuacións nesta materia en Cambados e Vilanova.
O delegado territorial declarou que as obras para o novo bombeo e colector de Cabanelas superarían lixeiramente o millón de euros e terían un prazo de execución duns seis meses, mellorando o sistema de saneamento para a veciñanza destes tres concellos.
O proxecto, segundo López, consistiría en que as augas residuais domésticas e industriais que chegan a Cabanelas non pasen polo colector de Barrantes, grazas a un novo bombeo e canalizacións. Desta forma derivaríanse directamente á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Ribadumia evitando así o colapso do sistema tamén nos outros dous municipios arousáns, segundo a Xunta.