Concello e Universidade activan a construción do skatepark na parcela do campus
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o reitor da Universidade de Vigo, Joaquín Reigosa Roger mantiveron este luns unha reunión para tratar diversos asuntos pendentes entre o Concello e a institución académica. No encontro tamén estivo o concelleiro de Desenvolvemento Sostive, Iván Puentes, en representación da concelleira Yoya Blanco, responsable de Universidades, que non puido asistir.
O tema principal da reunión foi a próxima sinatura dun convenio entre ambas institucións para a construción do skatepark do Concello e da reurbanización do campus de Xunqueira para estender o modelo da cidade. Este borrador de convenio xa o está a estudar departamento xurídico do Concello.
Ao respecto das obrigas da Universidade consistirían na cesión dunha parcela duns 2.100 metros cadrados para instalar o skatepark da cidade. Esta cesión sería a través dunha concesión demanial de 15 anos coa posibilidade dunha prórraga até o máximo das concesións.
Pola súa banda, o Concello de Pontevedra tería a obriga de elaborar un proxecto para a reurbanización dos espazos de mobilidade do campus (beirarrúas, calzadas...), xa que dispón de técnicos moi cualificados nestes actuacións.
O NOVO skatepark
A construción do skatepark terá un custe de 568.453 euros. No seu deseño óptase por unha combinación de dous skate-prazas enlazadas por un espazo elevado intermedio xerador de velocidade no percorrido. Desta maneira o skatepark pode funcionar como un único elemento de gran percorrido así como dúas prazas con percorridos internos.
As dúas skate-prazas presentan diferenzas tamén en canto á presencia de elementos. Mentres que a praza norte mantén obstáculos de maior dificultade, a praza sur acolle obstáculos máis elementais que permiten a iniciación no deporte.
Sitúanse en paralelo á zona de paseo que atravesa a parcela. Os antigos camiños convértense en patinables, aptos para o skate tipo street. Este percorrido, dotará de maior dinamismo e variedade de niveis de práctica ao equipamento.
O bloque de granito é o elemento xerador do deseño global. Delimita a pista de skate e integra o parque coa urbanización da contorna.
GRAO DE DESEÑO E BENITO CORBAL
Ademais do skatepark, na reunión tamén abordaron outros temas como a situación do próximo grao de Deseño, no que o Concello e a Universidade van da man, e neste momento está pendente da decisión da Xunta de Galicia.
Tamén abordaron a situación das tres plantas que a Universidade de Vigo ten no edificio administrativo de Benito Corbal, unha das peticións que o Concello fixera para a rehabilitación deste inmoble.
Relacionadas:
-
Avances entre Concello e Universidade para a construción do skatepark, o edificio de Moda e a desafectación dos terreos do campus
Por Redacción |
-
Abrir o campus a toda a cidadanía, obxectivo conxunto do Concello e da Universidade
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
O campus estrea unha estación de reparación de bicicletas
Por Redacción |
-
Un parque de calistenia, un paso máis na humanización do campus
Por Redacción |
-
A avenida Raíña Vitoria vai adaptarse para ser unha praza "provisional" para skaters
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pontevedra modificará o proyecto do skatepark para adaptalo á nova normativa
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
O grao en Deseño e Creación, pendente de avaliación técnica de Educación para implantarse o vindeiro curso
Por Redacción |
-
O Concello solicita permiso á Universidade de Vigo para a construción do skatepark da Xunqueira
Por Redacción |