Fiscalía ratifica a súa petición de condena para o acusado de violar unha anciá en Bueu
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou este luns visto para sentenza o xuízo contra JL.G.M., un veciño de Marín acusado de agresión sexual, lesións e roubo a unha muller de 75 anos en Bueu.
O tribunal deixara para hoxe a lectura dos informes das partes. A Fiscalía elevou a definitiva a súa petición inicial de penas ao considerar que quedou probada a autoría do acusado para o que pide que sexa condenado a un total de 21 anos de prisión: 15 anos polo delito de agresión sexual con penetración; 2 anos por un delito de lesións; e 4 anos por un delito de roubo con forza. No mesmo sentido pronunciouse a acusación particular.
A representante do Ministerio Público entende que neste caso concorren as circunstancias agravantes de aleivosía e disfrace.
Ademais, reclama que este home, que se atopa en prisión provisional por estes feitos, indemnice á vítima con 2.460 euros polas lesións e con 6.000 euros polas secuelas psicofísicas; así como que lle abone os 1.250 euros subtraídos e 90 euros pola reparación dos cristais das portas.
Pola súa banda o avogado da defensa pediu a libre absolución do seu cliente. O letrado argumentou que a defensa "presenta una prueba directa" como é o testemuño da esposa que confirmou a coartada do acusado ao asegurar que o seu marido estaba na casa durmindo cando tivo lugar a agresión sexual á anciá.
Respecto a as probas de ADN que incriminan ao acusado este avogado dixo que "es una prueba muy poderosa pero indiciaria" xa que, ao seu xuízo,"no existe certeza ni garantía más allá de la duda razonable".
Segundo afirmou "en el escenario del crimen se detecta mucho ADN pero eso no quiere decir que tenga que ver con el crimen" e citou como exemplo o sucedido no famoso caso de Amanda Knox, a moza estadounidense acusada pola morte da súa compañeira de piso mentres ambas estudaban na cidade italiana de Perugia en 2007. O ADN incriminábaa pero finalmente foi absolta.
O acusado traballara en casa da agredida uns anos antes deste suceso e, segundo o avogado, os científicos confirman que "el ADN permanece siempre que se den las condiciones ideales".
A cuestión é que moitas das mostras de ADN extraéronse da saba de abaixo da cama da vítima, que segundo afirmou esta muller no xuízo foi unha saba que trouxera de Alemaña pouco tempo antes deste suceso. Compráraa en Alemaña porque tiña problemas para atopar en España sabas que se adaptasen ás medidas da súa cama, aínda que non puido achegar unha factura como proba.
O letrado da defensa suxeriu a posibilidade de que o autor destes feitos fose o irmán do acusado e que o ADN de JL.G.M. podería ser transferido nunha pelexa que ambos tiveron o día anterior.
Finalmente o acusado declinou facer uso do seu dereito á última palabra. "No tengo nada que decir", afirmou.
Relacionadas:
-
Condenan a 20 anos de cárcere o home de Marín que violou unha septuaxenaria en Bueu
Por Oskar Viéitez |
-
O acusado de violar unha muller en Bueu asegura que "esa noite estiven en Marín na miña casa"
Por Oskar Viéitez |
-
A esposa do acusado de violar unha anciá en Bueu dálle coartada mentres que as probas de ADN o incriminan
Por Oskar Viéitez |
-
Nega ter agredido sexualmente a unha septuaxenaria na súa casa de Bueu
Por Oskar Viéitez |
-
Suspenden o xuízo contra o acusado de violar a unha muller de 75 anos por un posible caso de covid
Por Oskar Viéitez |