Medio cento de persoas maniféstanse contra a minería na Serra do Suído
Por Redacción
A Plataforma SOS Suído-Seixo convocou unha concentración de protesta este sábado na fronteira entre os municipios da Lama (Pontevedra) e Beariz (Ourense), que reuniu a preto de medio centenar de persoas.
Todas elas pedían a caducidade do dereito mineiro Alberta I, na Serra do Suído e do Seixo, no que entenden como unha ameaza ao patrimonio natural ante a posibilidade de que se estableza na zona un proxecto de megaminería.
Os asistentes acudiron na súa maioría dos municipios que se verían afectados por unha situación así, como A Lama, Cerdedo-Cotobade e Forcarei na provincia de Pontevedra ademais dos concellos ourensáns de Beariz e Avión.
"Con este tipo de actos queremos amosar que a nosa loita segue viva", sinalaron representantes da plataforma ante na minería que "non fai máis que ameazar o grande potencial ambiental, social e económico que teñen as serras do Suído e do Seixo para a súa veciñanza".
O dereito mineiro Alberta I foi obxecto recentemente dun intento de explotación por parte da empresa Recursos Minerais de Galicia S.A, filial do grupo SAMCA, pero a Xunta de Galicia denegou o permiso pertinente ante o informe negativo da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.