Pontevedra Rodando estreará dúas pezas audiovisuais tras a súa edición online
Por Redacción
O obradoiro audiovisual amateur Pontevedra Rodando, impulsado pola concellería de Promoción Económica e Turismo e a Pontevedra Film Comission en colaboración coa produtora Volvemos a Primera, acaba de finalizar a súa cuarta edición, desenvolta completamente en liña ante a situación actual.
Un total de 27 alumnos de entre 14 e 65 anos participaron nas clases, que se traducirán en dous proxectos finais ideados polos participantes, unhas pezas audiovisuais adaptadas á pandemia en técnica e temática que se poderán visualizar a partir de mediados do mes de abril.
"Os talleres, que tiveron lugar durante os meses de febreiro e marzo, foron impartidos en dous grupos divididos en doce sesións en liña polos profesionais do campo audiovisual Pablo Cacheda (realización e imaxe), David Lagares (son) e Santi Romay (interpretación)", explicou a edil de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco.
"Un dos proxectos audiovisuais dos que poderemos gozar a partir do próximo mes será un falso documental que virará ao redor as figuras de Benito Soto, Ravachol e Perfecto Feijoo e dará unha visión ficticia da historia do loro máis famoso en clave de humor, mentres que o outro presentará unha sucesión de historias de ficción postpandemia, baseadas en micropezas dos alumnos e utilizando a linguaxe webcam para contalas", avanzou a concelleira.