Poio tramita a contratación dun titulado en Turismo para a oficina de Ferreirós
Por Redacción
A Xunta de Goberno Local de Poio aprobaba na súa última sesión, celebrada o pasado martes 9 de marzo, a tramitación dunha solicitude para que a Deputación de Pontevedra destine unha achega económica para a contratación dunha persoa con titulación en Turismo para desenvolver tarefas de asesoramento e información no Casal de Ferreirós, na parroquia de San Salvador, e que está integrada na Rede de Oficinas de Turismo Rías Baixas.
Tal e como consta na documentación, a previsión é pedir ao organismo provincial unha axuda que ascenda a 5.852,31 euros, que se sumarían aos 1.950,77 dos que se faría cargo a propia Administración municipal.
A concelleira responsable da área de Turismo, Silvia Díaz, explica que o contrato tería unha duración de catro meses. Para levar a cabo esta tramitación apóstase por facer uso da Bolsa de Contratación aprobada en xuño de 2018.
A edil de Avante Poio no Goberno local entende que este reforzo é necesario para poder atender ás persoas que se acheguen ás dependencias do Casal de Ferreirós solicitando información turística durante os meses da tempada estival. Así mesmo, o departamento tamén se verá reforzado coa contratación de outras dúas persoas, a través da liña 3 do Plan Concellos da Deputación.
Desde o Concello de Poio infórmase que de cara á Semana Santa, a oficina de turismo de Combarro centrarase na atención ás visitas do turismo local e de proximidade.