Marín en Rede presenta unha nova campaña de dinamización do consumo
Por Redacción
Marín en Rede presenta unha nova campaña para dinamizar o consumo na vila.
Con motivo da chegada da primavera, a concelleira de Comercio, Cristina Acuña, presentou este venres esta iniciativa de incentivación comercial que ten por obxecto dinamizar o consumo nos comercios e nos locais de hostalaría da vila que estean adheridos á plataforma Marín en Rede. A excepción son os establecementos de alimentación, farmacias e mercados de abastos, que por ser servizos esenciais non paralizaron a súa actividade durante o confinamento e as diversas restricións derivadas da pandemia.
Esta campaña arrancará o 22 de marzo e finalizará o 22 de abril. Durante ese tempo, a veciñanza ou visitantes á vila, poderán facer gasto nos establecementos adheridos á plataforma dixital, ata chegar a un mínimo de 30 euros de compra, que pode ser nun só ticket ou varios, que se canxearán por un rosal pequeno, que pode plantarse tanto en interior como en exterior.
Os clientes terán que gardar os tickets orixinais durante un mes, e no remate da campaña, os días 23, 24 e 25 de abril poderán achegarse até a Oficina de Turismo da Praza de España, onde presentarán os seus tickets de compra e se lles dará un rosal. Poderán recollerse de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas (a excepción do domingo, que será só en horario de mañá).
Durante a presentación, Acuña destacou que o apoio ao comercio local "ten que ser constante. Temos que seguir apostando polos nosos establecementos, porque a economía local é a que tece a nosa rede produtiva".
Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, que tamén participou na presentación, asegurou en rolda de prensa que os peches perimetrais fixeron a moitos veciños "redescubrir ou, nalgúns casos, descubrir de primeiras" establecementos comerciais da súa propia vila que antes non frecuentaban" e animou á veciñanza a seguir consumindo local, "porque Marín precísao máis ca nunca".
O Concello ten adquiridas 700 plantas, aínda que as edís anunciaron que, en caso de que haxa máis demanda, adquiriranse para que todos os veciños e veciñas que consigan xuntar 30 euros de compra poidan quedar cun rosal. O máximo será de dúas plantas por persoa.
Finalmente, dende o Concello recordan que para adherirse a Marín en Rede hay que entrar en www.marinenrede.es e encher o formulario que aparece ao clickar no botón 'Dar de alta o meu negocio'.
Relacionadas:
-
Os establecementos de Marín en Rede poñen as rosas no Día do Libro
Por Redacción |
-
Últimos días para participar na campaña 'Chega a primavera a Marín en Rede' e conseguir unha roseira
Por Redacción |
-
Marín reparte códigos QR entre a hostalería para controlar os aforos e o cumprimento das normas
Por Redacción |
-
Marín formalizará a súa adhesión á Axenda 2030
Por Redacción |