Mosquera: "Corremos o risco de que a Ence Borroka nos deteriore esta magnífica convivencia que temos na cidade"
Por Redacción
César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra e concelleira do BNG no Concello de Pontevedra, mostraba a súa preocupación pola acción realizada por un grupo de traballadores de Ence e auxiliares, convocados polo sindicato Comisións Obreiras, durante este xoves á saída de integrantes da corporación municipal.
Mosquera indicou que este grupo tamén estivo a dar voltas coa intención de "asaltar a Deputación" e sinalou que os grandes prexudicados por este tipo de incidencias son as persoas que traballan en Ence ou para a fábrica de Lourizán.
Neste sentido manifestaba o vicepresidente provincial que a única vía real de manter os postos de traballo no futuro é a través dun traslado, porque a empresa non pode ocupar un espazo público marítimo terrestre "que conseguiu coa prórroga fraudulenta", apuntaba Mosquera. Pero os incidentes deste xoves provocarán, segundo o representante do BNG, que sexa difícil que aqueles alcaldes dispostos a aceptar un traslado no futuro manteñan unha postura aberta porque "é meter un becho fastidiado".
Cualificou estas accións como propias da "Ence Borroka" e aclarou que se a "Kale Borroka facía o que facía, todos sabiamos quen estaba detrás" e, neste caso, culpou o Partido Popular e á dirección da propia empresa de estar detrás do "asalto á alcaldía".
En relación con estas acusacións indicou que non é posible que xente que está a traballar apareza polo Concello pontevedrés en horas laborables. "Alguén o pagará. Se non van traballar, os despidirían. Alguén está financiando este tipo de actuacións e ten nome e apelidos: Ence e o PP", indicou.
"Se Colmenares dixese: quen faga estas cousas, mañá non traballa máis para Ence; xa nin se plantexaba", manifestou César Mosquera sinalando que vendo o vídeo de Ignacio de Colmenares, presidente de Ence, "calquera se dá conta de cal é o talante".
Sobre o PP, o vicepresidente acusou a Rafa Domínguez de acudir ata o Concello para animalos, aínda que despois publicase un tweet sinalando que "non sabía a que ían. Se non sabía a que ían entón é máis parvo do que parece. Claro que o sabía".
Mosquera espera que agora que Ignacio de Colmenares mostra a súa disposición a unha mesa de diálogo mande a estes colectivos de traballadores que paren estas accións de protesta. "Se non, esta Ence Borroka corre o risco de que nos deteriore esta magnífica convivencia que temos na cidade de Pontevedra, esta tranquilidade", sentenciou o vicepresidente da Deputación.
Relacionadas:
-
A Xunta non condena o escrache ao alcalde e reitera que ENCE ten unha "concesión legal"
Por Alejandro Espiño |
-
Ignacio de Colmenares será, ao igual que Rajoy, persoa non grata en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A ministra de Transición Ecolóxica reunirase cos traballadores de ENCE
Por Diego Espiño |
-
ENCE cifra o seu traslado en 700 millóns e reitera que "non é viable"
Por Redacción |
-
O goberno local pedirá a ENCE, Xunta e Estado que traballen no seu traslado: "Temos por diante 12 anos para conseguir ese obxectivo"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Ignacio de Colmenares, presidente de Ence, acepta unha mesa de diálogo para analizar o futuro da factoría
Por Redacción |
-
O alcalde sinala a Rafa Domínguez e a Colmenares polo intento de agresión por parte dos traballadores de Ence
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Traballadores de ENCE "toman" o Concello en defensa dos empregos da fábrica en Lourizán
Por Mónica Patxot & Redacción | Creada e actualizada