Reiteradas avarías na liña de Movistar deixan sen teléfono fixo á veciñanza
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, enviou un escrito a responsables de Consumo da Xunta de Galicia para expresar a súa protesta polo trato inadecuado que a compañía Movistar está dedicándolle aos seus abonados neste municipio sometidos a reiteradas avarías cuxas resolucións se prolongan excesivamente no tempo.
Segundo o goberno local, os últimos casos detectados desde o Concello teñen como punto neurálxico aos veciños que residen na zona de Almofrei, Barro de Arén (no territorio de Cerdedo) e non hai moito tempo aos de Borela que botaron días e días illados telefónicamente e sen que se resolvera a avaría detectada.
O alcalde Jorge Cubela manifestou tamén aos responsables para esta zona da compañía Movistar a súa total desconformidade en como estaban acometendo este problema que sufren de xeito reiterado e recurrente os teléfonos fixos en numerosas zonas do municipio. Esto impide á veciñanza poder comunicarse a través deste servizo dun xeito normal, incluso ante calquera emerxencia.
O alcalde instou aos responsables de Movistar a solucionar de inmediato a avaría ou a poñer solucións técnicas intermedias aínda que sexa provisionalmente para solventar un problema que non é illado e que están padecendo moitos lugares do municipio.
Segundo o goberno local, o alcalde considera que o nivel de comprensión e paciencia dos usuarios de Movistar xa acadou os límites admisibles e prega que se faga un esforzo definitivo para subsanar a avaría canto antes. Non se descarta que se inicien tódalas accións oportunas, por parte do Concello, para esixir responsabilidades ante esta situación que se está volvendo a habitual en moitos lugares do municipio.