Faise pasar por repartidor de comida a domicilio para saltarse o toque de queda
Por Oskar Viéitez
Axentes da Policía Autonómica levantaron 11 actas de infracción no concello de Pontevedra por infrinxir a normativa relacionada coa covid-19 nun operativo na noite do sábado.
Entre as denuncias tramitadas neste operativo destaca un caso por incumprir o toque de queda, coa identificación dunha persoa ás 01.30 horas que se facía pasar por un empregado dunha empresa de reparto de comida a domicilio con sede na cidade e mesmo portando unha mochila-neveira que lle facilitara un amigo. A mochila quedou comisada nas dependencias da Policía Autonómica de Pontevedra á espera de que se faga cargo a empresa propietaria.
Os axentes tamén identificaron dúas persoas procedentes de Asturias que saltaron o peche perimetral ao trasladarse a Pontevedra para acudir ao aniversario dun amigo e tamén o toque de queda ao ser identificados ás 00.30 horas, así como a obriga de comunicar ás autoridades sanitarias a súa entrada en Galicia.
Durante os operativos ao abeiro deste plan, os axentes controlan que nos establecementos abertos ao público, terrazas e espectáculos públicos se cumpran as normas aprobadas para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais e a prevención do botellón.
Estes dispositivos enmárcanse ademais no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias.