O acusado de violar unha muller en Bueu asegura que "esa noite estiven en Marín na miña casa"
Por Oskar Viéitez
Coa declaración do acusado J. L. G.M., a sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra completou este xoves a vista oral do xuízo contra un veciño de Marín acusado de agresión sexual, lesións e roubo a unha anciá en Bueu.
Este home insistiu na súa inocencia rexeitando que fora el quen violou a unha muller de 75 anos tras acceder de madrugada ao seu domicilio.
Os feitos polos que se xulga a este home ocorreron na madrugada do 3 ao 4 de marzo de 2017. "Esa noite estiven en Marín na miña casa", asegurou diante do tribunal igual que fixo onte a súa esposa que confirmou esa coartada. J.L.G.M. tamén incidiu en que a súa muller "ten o sono lixeiro" e "sería imposible" que el se marchase de casa sen que ela se decatara.
O acusado dixo non saber por que apareceron restos biolóxicos seus na vivenda da vítima e tampouco deu explicación ao motivo polo que un repetidor situou ao seu teléfono móbil a menos de 2 quilómetros en liña recta da vivenda da anciá, e ás 4 da madrugada hora na que se produciu o asalto.
É máis, este home afirmou que o teléfono o comprou en xuño, aínda que a fiscal lembroulle que a documentación de Orange recoñéceo como titular deste dispositivo desde febreiro.
O acusado admitiu que coñecía á vítima e o seu domicilio por traballar como albanel para facer obras nesa vivenda en varias ocasiones pero indicou que antes da súa detención, o 7 de novembro de 2017, "pasaran catro ou cinco anos desde que estivese na súa casa". Tamén recoñeceu que sabía que vivía soa e que quedara viúva.
Cando foi detido, o xulgado de instrución número 2 de Marín autorizou un rexistro no domicilio do detido no que os gardas civís localizaron, entre outros obxectos, cinta illante azul e unha corda "coincidentes nas súas características morfolóxicas e na súa composición química" coas empregadas durante a agresión á septuaxenaria, algo que xustificou este xoves diante do tribunal afirmando que ten cinta illante "de todas as cores" e que a corda "era para o tendedeiro".
Na sesión deste xoves, a terceira neste xuízo, declararon os peritos do servizo de Criminoloxía da Garda Civil que explicaron os motivos do descarte doutros familiares sospeitosos nas mostras de ADN e demais restos biolóxicos recolleitos na investigación.
Tamén as psicólogas forenses deron conta das lesións causadas durante o brutal ataque, entre elas hematomas, desgarro vaxinal e outras feridas provocadas polas ataduras. Tamén detallaron as secuelas psicofísicas que padece a vítima como un trastorno neurótico e o tratamento que necesitou.
O xuízo quedará visto para sentencia o vindeiro luns coa lectura dos informes das partes. Saberase entón se a fiscal mantén ou modifica a súa petición de condena. Inicialmente pola agresión sexual a representante do Ministerio Público solicitaba que este home que sexa condenado a 15 anos de cárcere; polo roubo a 4 anos; e polas lesións, a 2 anos de prisión.
Tamén reclama que indemnice á vítima en 8.460 euros polas lesións e as secuelas, e que lle devolva os 1.250 euros que lle roubou.
Relacionadas:
-
Condenan a 20 anos de cárcere o home de Marín que violou unha septuaxenaria en Bueu
Por Oskar Viéitez |
-
Fiscalía ratifica a súa petición de condena para o acusado de violar unha anciá en Bueu
Por Oskar Viéitez |
-
A esposa do acusado de violar unha anciá en Bueu dálle coartada mentres que as probas de ADN o incriminan
Por Oskar Viéitez |
-
Nega ter agredido sexualmente a unha septuaxenaria na súa casa de Bueu
Por Oskar Viéitez |
-
Suspenden o xuízo contra o acusado de violar a unha muller de 75 anos por un posible caso de covid
Por Oskar Viéitez |