O secretario de Estado de Medio Ambiente sobre ENCE: "A empresa ten de horizonte ata 2033"
Por Redacción
"Antes ou despois de Semana Santa, o texto da Lei de Cambio Climático irá a comisión e non existe a intención de modificar o artigo 18 da mesma".
Esta decisión firme do Goberno de España foi transmitida polo secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, nunha reunión telemática que mantivo co tenente de alcalde e voceiro do grupo municipal do PSOE, Tino Fernández; os concelleiros socialistas Yoya Blanco e Marcos Rey; o parlamentario autonómico Pablo Arangüena; o deputado Guillermo Meijón, e a secretaria xeral da Agrupación Socialista de Pontevedra, Maica Larriba.
Morán ten previsto manter o xoves sendas reunións con membros do comité de empresa e da Asociación pola Defensa da Ría.
Segundo os socialistas de Pontevedra, o secretario de Estado de Medio Ambiente reiteroulles o que lle repetiu ao presidente de Ence, Ignacio de Colmenares, "esas sete veces que di que nos sentamos: que o artigo 18 non afecta en absoluto a Ence no período de concesión do que dispoñen".
No seu resumo da entrevista co secretario de Estado, os socialistas engaden que, Hugo Morán asegurou que "a prioridade e maior preocupación do Goberno é o mantemento dos postos de traballo" e, neste sentido, subliñou que "existe unha concesión que está viva, vixente e que lle outorga a Ence unha marxe de 12 anos para adoptar decisións".
"A Lei de Patrimonio outórgalle un máximo de 75 anos, é dicir ata o 2033, xa que as concesións computan dende o minuto un. Non hai ningunha razón obxectiva para pensar que a Lei de Cambio Climático impoña unhas restricións maiores que a lexislación autonómica, que por certo establece un máximo de 50 anos. Así que, para tranquilidade dos traballadores, a empresa ten de horizonte ata 2033: 12 anos para establecer un calendario de acción que permita manter os postos de traballo".
Estas mismas fontes indican que Hugo Morán tamén expresou a súa preocupación ante as declaracións nas que o presidente da compañía advertía aos seus traballadores da posibilidade dun risco maiúsculo medioambiental e para a saúde das persoas. Na súa opinión, "o que Colmenares dixo o outro día non pode pasar desapercibido, xa que, se é así, a factoría non debería seguir funcionando aí".
Neste sentido, lamentou que a Xunta, "que é a administración á que lle corresponden as competencias medioambientais", se teña "colocado de perfil", cando os seus servizos de vixilancia ambiental deberían actuar de oficio e abrir un expediente. "O lóxico é pensar que nalgún momento, a Fiscalía vaillo requirir", avanzou o secretario de Estado de Medio Ambiente.
TINO FERNÁNDEZ
Para o voceiro do grupo municipal do PSOE, o encontro mantido con Hugo Morán "serviu para deixar aínda máis claro que Ence pretende construír un relato de confrontación interesado en torno a esa gran mentira do artigo 18, xa que é evidentisimo que a Lei de Cambio Climático non lles afecta para nada ao seu actual período de concesión".
Tino Fernández lamentou que a empresa estea "a eludir descaradamente a súa responsabilidade fronte aos traballadores afectados" e acusou aos ‘populares’ Alfonso Rueda e Rafa Domínguez de "facer de Macario e Rockefeller do descurso empresarial".
"Os mantras que lles escoitamos á Xunta e ao PP veñen redactados dende os despachos de Ence. Os seus dirixentes están a actuar como se foran delegados de empresa, coa vista máis posta nas portas xiratorias que na defensa dos postos de traballo", aseverou o tenente de alcalde de Pontevedra.
Fernández tamén se amosou moi crítico coas "tácticas de guerrilla urbana" que o sindicato CC OO está a empregar "para defender os intereses dos altos cargos da empresa e tentar intimidar ás institucións públicas e aos representantes políticos elixidos democraticamente”.
"Non me parece que accións como ocupar edificios pola forza, cortar estradas e queimar neumáticos se correspondan co xeito de protestar e reivindicar cos que boa parte dos traballadores queren ser visibilizados", matizou o edil.
Neste sentido, o voceiro socialista volveu tender a man ao diálogo e lembrou que "o PSOE é o único partido que sempre defendeu a postura do traslado e do mantemento dos postos de traballo en Galicia e, polo tanto, o único interlocutor que está verdadeiramente interesado en defender os intereses dos traballadores".
"O noso posicionamento quedou fixado hai bastante tempo, ‘Ence si, pero non na ría’. Agardamos que a empresa deixe de perder máis tempo e de distraer o foco de atención co obxectivo torticeiro de non asumir as súas responsabilidades cos traballadores. O PSOE non é o problema, senón a solución", apuntou Tino Fernández.
Relacionadas:
-
Concentración en Cambados para evitar a modificación dos prazos concesionais na Lei de Cambio Climático
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
Ignacio de Colmenares será, ao igual que Rajoy, persoa non grata en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Ignacio de Colmenares, presidente de Ence, acepta unha mesa de diálogo para analizar o futuro da factoría
Por Redacción |
-
O alcalde sinala a Rafa Domínguez e a Colmenares polo intento de agresión por parte dos traballadores de Ence
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Traballadores de ENCE "toman" o Concello en defensa dos empregos da fábrica en Lourizán
Por Mónica Patxot & Redacción | Creada e actualizada
-
A comisión de comités de ENCE sobre Ignacio de Colmenares: "Cremos que se necesita outro talante para asegurar o noso futuro"
Por Redacción |
-
A lei que podería botar a Ence de Lourizán dá un novo paso e os traballadores elevan a presión
Por Manu Otero |
-
A APDR pide ao secretario de Estado de Medio Ambiente que non ceda ás "ameazas" de Ignacio de Colmenares
Por Redacción |